O vindeiro 12 de agosto de 2026, Cambre converterase nun dos lugares privilexiados de Galicia para observar a eclipse total de sol, un fenómeno astronómico excepcional que poderá seguirse desde numerosos puntos do municipio.
Con motivo desta cita, a asociación xuvenil XentD100cia, coa colaboración do Concello de Cambre, impulsa o programa Cambre Observa 2026, unha iniciativa de divulgación científica e participación cidadá que busca promover unha observación segura da eclipse, fomentar o coñecemento científico e implicar á veciñanza neste acontecemento histórico.
Entre os primeiros recursos xa dispoñibles atópase o Mapa Colaborativo de Observación, no que se recollen distintos espazos recomendados para seguir a eclipse en función da súa visibilidade, accesibilidade e seguridade.
O mapa inclúe tres Puntos Estrela —Paseo do Temple, Anceis e Local Social de Bribes—, ademais doutros lugares recomendados como a Igrexa de Sigrás, o Paseo do Río Mero, a Pista Polideportiva de Vigo, a contorna da Igrexa de Altamira, o Campo da Festa de Andeiro, o Polígono do Espírito Santo ou o CEIP de Brexo-Lema, entre outras localizacións distribuídas por todo o municipio.
Como acceder ao mapa
O mapa interactivo pode consultarse escaneando o código QR incluído no cartel publicado na páxina web e nas redes sociais do Concello de Cambre, así como nas canles da asociación XentD100cia. Nel é posible visualizar todos os puntos de observación recomendados, coñecer a súa localización exacta e escoller o lugar que mellor se adapte ás necesidades de cada persoa para seguir a eclipse.
Obradoiro “Embaixadores da Eclipse”
Tamén permanece aberto o prazo de inscrición para “Embaixadores da Eclipse”, un obradoiro gratuíto dirixido á mocidade de entre 12 e 18 anos que ten como obxectivo formar unha rede de divulgadores capaces de promover unha observación segura, didáctica e dinámica da eclipse, compartindo coñecemento científico coa cidadanía.
As persoas participantes poderán escoller entre dúas sesións:
- Luns 20 de xullo, de 10:30 a 13:00 horas, na Casa Arrigada.
- Martes 21 de xullo, de 10:30 a 13:00 horas, na Casa Palmeiras (O Temple).
A inscrición é gratuíta e pode realizarse mediante o código QR incluído no cartel da actividade. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa OMIX de Cambre.
Un proxecto con tres liñas de actuación
Cambre Observa 2026 estrutúrase arredor de tres grandes iniciativas:
- Mapa Colaborativo de Observación, que identifica os mellores lugares do municipio para observar a eclipse.
- Rede de Embaixadores da Eclipse, destinada á formación de mozos e mozas como divulgadores científicos.
- Vivimos a Eclipse, un proxecto de ciencia cidadá no que a veciñanza poderá participar na recollida de datos ambientais, observacións sobre a biodiversidade e testemuños relacionados co fenómeno astronómico.
Horario da eclipse
Segundo as previsións, a eclipse desenvolverase no seguinte horario:
- Inicio: 19:31 h
- Totalidade: de 20:27 a 20:29 h
- Fin: 21:22 h
Lémbrase que a observación do Sol debe realizarse sempre mediante gafas homologadas ou sistemas de observación seguros, evitando mirar directamente ao astro sen a protección adecuada.
Nas vindeiras semanas continuarase difundindo información de interese relacionada con este acontecemento, así como coas diferentes actividades programadas dentro de Cambre Observa 2026.

