Cambre prepárase para o inicio de novos cursos sobre soldadura, instalacións solares térmicas e informática

21 Out 2022

O Centro Municipal de Formación de Cambre acollerá, nos próximos meses, a celebración de tres novas accións formativas: unha sobre Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG, unha segunda sobre Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas e, por último, outra sobre Sistemas microinformáticos (instalacións en sistemas operativos, aplicacións informáticas e ofimática). Estes cursos están dirixidos a persoas rexistradas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego. A maiores, o alumnado deberá ter, como mínimo, un título de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou equivalente para poder acceder a estes programas.

Estes programas formativos están subvencionados pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta por medio do Plan de Formación para o Emprego. O Concello acaba de recibir a resolución do organismo autonómico pola que se concede unha subvención de 207.622,2 euros para a organización destas accións.

A previsión é que tanto o de Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG (678 horas lectivas) como o de Sistemas Microinformáticos (618 horas lectivas) poidan comezar en novembro. Doutra banda, o de Montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas (658 horas lectivas) arrincaría no mes de decembro. En total, ofértanse 45 prazas, 15 por programa.

Ademais da formación teórica específica, as accións incluirán tres módulos transversais comúns sobre prevención de riscos laborais, igualdade e inserción laboral. O alumnado realizará, así mesmo, prácticas en empresas e obterá un certificado de profesionalidade unha vez termine a formación.
As persoas que necesiten máis información poderán contactar coa Axencia de Desenvolvemento Local chamando ao teléfono 981 61 31 96 ou enviando un correo a adl@cambre.org.

Tamén che pode interesar