O Concello de Cambre vai poñer de novo en marcha o programa Píllara, unha iniciativa do departamento de Servizos Sociais centrada no apoio e a educación familiar para familias usuarias dos servizos sociais comunitarios municipais.
A nova edición desta proposta foi presentada esta mañá no salón de plenos do Concello de Cambre, nun acto a cargo da alcaldesa María Pan e a concelleira de Servizos Sociais e Recursos Humanos, Landa Díaz, acompañadas de Ana Monxe, coordinadora do departamento de Servizos Sociais, e Verónica Pérez, que será a responsable do programa Píllara.
Durante a presentación, a rexedora destacou a importancia de programas deste tipo, co que levan “máis dun cento de familias atendidas” ao longo de todas as súas edicións. Pola súa banda, a concelleira Landa Díaz lembrou que “este tipo de programas son esenciais para mellorar as situacións sociofamiliares e o benestar dás familias, particularmente dos menores”, mentres que a responsable do programa, Verónica Pérez, explicou os puntos principais do proxecto. “Facemos unha atención individualizada, vendo cales poden ser as áreas de necesidade, e realizamos un acompañamento estreito ás familias, para evitar que a súa situación de vulnerabilidade empeore”.
Dando continuidade ao traballo xa levado a cabo en anteriores convocatorias, continuaranse as intervencións individualizadas, e á súa vez poñeranse en marcha talleres educativos para familias, con temáticas que respondan as súas necesidades e demandas.
Entre os obxectivos do programa municipal atópanse ofrecer atención individualizada e apoio psicosocial, derivar a recursos e entidades que ofrecen servizos de atención especializada, promover a igualdade e a corresponsabilidade nas familias, e a súa participación na vida comunitaria.
Resultados da anterior convocatoria
Na súa anterior convocatoria, desenvolta entre os anos 2021 e 2023, máis de medio centenar de familias gozaron das propostas ofrecidas polo programa, que incluíron talleres de economía doméstica, de competencias parentales ou de autoestima para mulleres. Do total de persoas atendidas, 43 foron mulleres e 11 homes, a maioría con idades entre os 25 e os 54 anos, e cunha alta porcentaxe de familias monomarentais (o 34%).
Como resultado, mellorouse a convivencia no seo das familias, promovéronse redes de apoio entre participantes, e facilitouse o acceso a formación, emprego e servizos de atención para distintas problemáticas, como a saúde mental.
O programa está subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade, e conta co cofinanciamento da Unión Europea, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.