A posta en marcha de medidas que favorezan a conciliación das familias de Cambre continúa sendo unha prioridade para o goberno local. Proba diso será a próxima edición do programa Xogando no Nadal 2023 que, este ano, contará con 168 prazas. A iniciativa celebrarase durante o período vacacional do Nadal e estará dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º de educación Infantil, de toda Primaria e de 1º da ESO.
A concelleira de Educación, Ana Rodríguez, explica que estas propostas son “esenciais para as familias”. A edil incide, ademais, que estas medidas “son aínda máis necesarias durante os períodos de vacacións dos nenos e nenas como, por exemplo, no Nadal”.
Xogando no Nadal levarase a cabo no CEIP Wenceslao Fernández Flórez. En canto ás datas, ofrecerase atención os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro de 2024 en dúas quendas. A primeira delas comprenderá o período de decembro e a segunda, o de xaneiro. En todo caso, os pais e nais poderán inscribir aos seus fillos e fillas nunha ou en dúas quendas.
Ao longo de Xogando no Nadal, os nenos e nenas poderán gozar de actividades lúdico-deportivas e culturais relacionadas co Nadal. Con todo, ademais das propias propostas, o Concello ofertará tamén outros servizos complementarios que se poñerán en marcha en caso de contar cun número mínimo de inscricións: Mañanceiro, almorzo, comida e transporte.
Os veciños e veciñas poderán presentar a súa solicitude desde o xoves, 30 de novembro ata o día 14 de decembro -ambos os incluídos- a través da sede electrónica ou dos rexistros de entrada do Concello.
Información general programa Xogando no Nadal 2023