O Concello de Cambre conmemorou este mércores, 25 de novembro, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa lectura dun manifesto institucional no salón de plenos da casa consistorial.

A alcaldesa, Diana Piñeiro, foi a encargada de dar lectura ao manifesto, acompañada por membros do equipo de goberno, representantes da corporación municipal e veciños e veciñas que se sumaron a este acto de rexeitamento a todas as formas de violencia contra as mulleres.

Durante a súa intervención, a rexedora lembrou as mulleres ás que a violencia lles arrebatou a vida, as que continúan sufríndoa, as súas fillas e fillos e as familias que conviven cunha ausencia irreparable.

Piñeiro destacou a importancia de non normalizar ningunha forma de violencia, incidindo en que esta non sempre deixa marcas visibles e que as ameazas, as humillacións, o control, o illamento ou o acoso a través das redes sociais son tamén expresións desta realidade.

O manifesto puxo especial énfase na educación en igualdade desde a infancia, na prevención e na necesidade de implicar o conxunto da sociedade, apelando á colaboración entre as institucións, os profesionais especializados, as familias, os centros educativos e a cidadanía.

A alcaldesa trasladou tamén unha mensaxe de apoio a todas as mulleres que atravesan unha situación de violencia: «Non estades soas. A vosa dignidade, a vosa liberdade e a vosa seguridade importan. Ningunha forma de violencia debe condicionar o voso dereito a vivir sen medo».

Coa celebración deste acto, o Concello de Cambre reafirma o seu compromiso coa igualdade, a sensibilización e a construción dunha sociedade libre de violencia contra as mulleres.

«Por todas as que xa non están, polas que loitan por saír adiante e polas xeracións que veñen: nin un paso atrás na defensa dunha vida libre de violencia», concluíu a alcaldesa.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.