Cambre recibe máis de 200 solicitudes para realizar cacharelas, grelladas e sardiñadas por San Xoán

22 Xuñ 2023

Máis de duascentas. Esa é a cifra de solicitudes que o Concello recibiu, nos últimos días, para a realización de fogueiras, grelladas e sardiñadas por San Xoán. As comunicacións partiron, non só dos veciños e veciñas que desexaban celebrar a Noite Meiga nos seus domicilios, senón tamén dos negocios de hostalería do municipio. O Concello habilitará, ademais, espazos públicos para a realización de fogueiras. Estas zonas estarán localizadas na urbanización A Barcala (no aparcadoiro fronte ao supermercado), na zona de estacionamento das inmediacións do CEIP Portofaro e na rúa Francisco Rodríguez, no Temple.

Tal e como recolle o bando municipal de San Xoán, queda prohibida a realización de fogueiras nas beirarrúas, prazas e en superficies que poidan quedar danadas polo lume ou a cinza, con excepción dos puntos autorizados polo Servizo Municipal de Emerxencias de Cambre.

As persoas responsables deberán limpar un radio de cinco metros ao redor da fogueira. Como norma xeral, estas non deberán superar os 2,5 metros de altura, non poderán estar situadas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos nin tampouco poderán estar nas inmediacións dun local no que se almacenen produtos inflamables. Así mesmo, deberase garantir unha distancia mínima de 15 metros con respecto a contedores, vehículos, vivendas, farois etc.

Está prohibido o uso de combustibles e acelerantes, así como a queima de pneumáticos, plásticos, escuma de poliuretano e outras substancias que desprendan fume tóxico. Os responsables deberán contar con extintor ou con medios adecuados e terán que atender, ademais, ás esixencias dos servizos de emerxencias e seguridade.

A hora límite para rematar a celebración será ás 3.30 horas. Ao terminar, os responsables deberán asegurarse de que os restos estean totalmente apagados, debendo limpar o espazo autorizado antes de 24 horas. En caso contrario, deberán asumir o custo da limpeza.

Tamén che pode interesar