Cambre regresará ao seu pasado nobiliario lembrando a Xoán Fernández de Andeiro, Conde de Ourém

11 Nov 2022

Historia contada e cantada. Esa é a proposta que o Concello prepara para regresar ao seu pasado nobiliario e rememorar a figura de Xoán Fernández de Andeiro, Conde de Ourém. Tras anos de parón pola crise sanitaria da covid-19, o Concello, a Asociación Cultural San Martín de Andeiro, a Asociación de Veciños A Torre de Andeiro e a Comisión de Festas da parroquia prepáranse para retomar o programa de actos ao redor deste personaxe, un dos máis famosos do século XIV. A actividade terá lugar o domingo, 13 de novembro, a partir das 17.00 horas nas inmediacións do local social da parroquia, ofrecendo ao público asistente unha visita guiada e teatralizada e música.

Con respecto a outros anos, o programa en torno ao Conde de Ourém enriqueceuse. Tanto é así, que este ano dous trobadores valeranse de tres cantigas para contar parte da historia de Fernández de Andeiro. O actor e guía, Suso Martínez, e o cantautor galego, Manoele de Felisa, serán os encargados de relatar a historia ao público. A continuación, caracterizado como Conde de Ourém, Suso Martínez convidará as persoas asistentes a realizar un pequeno percorrido por Andeiro, partindo desde o local social ata os restos da Torre na que naceu o Conde.

A cita cultural seguirá da man da cantante galega Iría Estévez. A artista presentará no municipio o proxecto Camiños do Fado, un concerto no que dará a coñecer os diferentes estilos do xénero.

Con esta iniciativa, o Concello busca poñer en valor o patrimonio e a historia do municipio. Neste caso, o obxectivo é dar a coñecer a Fernández de Andeiro, alcalde, diplomático e cabaleiro, entre outros títulos. O coñecido como Conde de Ourém logrou unha unión entre Portugal e Inglaterra e mesmo alcanzou o apoio de potencias estranxeiras en contra do Reino de Castela e de Enrique II. Dise que este cambrés estivo a piques de converterse no Rey de Portugal tras o falecemento do monarca Fernando I de Portugal.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.