Cambre retoma “As Noites do Museo” cunha visita nocturna á igrexa de Santiago de Sigrás

13 Nov 2024

O Concello de Cambre, a través da Concellería de Turismo e Patrimonio, organiza o vindeiro xoves, 21 de novembro, unha nova sesión do seu programa “As Noites do Museo”. Nesta ocasión, a protagonista será a igrexa de Santiago de Sigrás, un dos grandes fitos xacobeos do Camiño Inglés.

Durante esta visita guiada, que comezará ás 20:00 horas na propia igrexa, “tratarase polo miúdo a historia, a evolución arquitectónica e as extraordinarias imaxes que conserva este paradigmático templo”, explicou o concelleiro Ramón Boga.

Esta cita supón a volta do programa “As Noites do Museo”, que contou cunha gran acollida por parte dos veciños e veciñas de Cambre. En anteriores sesións desta iniciativa realizáronse visitas nocturnas á igrexa de Santa María de Cambre, charlas sobre o Samaín, ou un concerto no Museo Arqueolóxico.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse gratuitamente no Museo de Cambre, chamando ao teléfono 981 65 62 17, ou escribindo ao correo electrónico museo@cambre.org. A visita está limitada a 60 prazas.

Tamén che pode interesar