Cambre revalidará o sábado o seu título como capital do Carnaval co seu Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo

14 Feb 2024

Cambre acolle, ao longo de todo o ano, diferentes eventos con fama non só no municipio, senón tamén no resto da comarca da Coruña. Con todo, de entre eles, o Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo é, sen lugar a dúbida, un dos máis recoñecidos. A cita, na que participan miles de persoas edición tras edición, celebrarase este sábado, 17 de febreiro, convertendo a Cambre na capital do Entroido por antonomasia. O evento incluirá desfile, concurso de disfraces, carrozas e comparsas e música a cargo de Juan “O Chunguito”, Aixa Romay e a Orquestra Miramar.

Ese día, o desfile comezará ao redor das 16.00 horas. A comitiva partirá desde a rúa Wenceslao Fernández Flórez para continuar polo polígono de Graduil e concluír na zona do Campo da Feira. O percorrido estará amenizado pola música da charanga Malandros Escola de Samba.

Ao redor das 18.00 horas será a quenda do concurso de disfraces, comparsas e carrozas no que, tras a deliberación do xurado profesional, procederase á entrega de premios. A cita estará presentada por Juan Fernán e contará coa amenización de DJ Manri.

A partir das 20.00 horas, aproximadamente, subiranse ao escenario do Entroido Pequeno Juan “O Chunguito”, Aixa Romay e a Orquestra Miramar. DJ Manri actuará tamén no Entroido Pequeno. Os horarios do evento son orientadores.

Ante a previsión dunha gran afluencia de público, o Concello habilitará aparcadoiros disuasorios na zona do centro de saúde e no campo de fútbol Dani Mallo.

Enterro da Sardiña

O Concello despedirá o domingo, 18 de febreiro, o seu programa de Entroido co Enterro da Sardiña, no que se dará eterna sepultura ao Choqueiro coa participación dos grupos teatrais Cantheam e Dis que fan. O velorio terá lugar a fronte da Casa do Concello, a partir das 12.00 horas. Ao remate, o boneco depositarase nun carro para levalo aos Muíños de Norgasa, onde se realizará o tradicional lanzamento do boneco ao río.

O Choqueiro (tamén coñecido como Meco) é un personaxe vinculado ás desviacións morais e ao que se lle atribuían cualificativos como os de lacazán ou lambón. De feito, coñéceselle pola súa debilidade pola comida ou polo diñeiro.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.