O alcalde, Óscar García Patiño, o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, o técnico de Xuventude, Chus Díaz, e o comisario da quinta edición, Arcadi Poch, presentaron a nova edición do festival.
O evento celebrarase entre o 11 e o 17 de xullo e, por primeira vez na súa historia, incluirá a elaboración dun mural nunha das parroquias.
Cambre sumará, proximamente, máis obras ao seu museo ao aire libre da man do V Cromático Mural Fest. O evento, que se presentou, esta mañá, en casa Arrigada, encherá o municipio de cor entre o 11 e o 17 de xullo, achegando a arte urbana á cidadanía. O alcalde, Óscar García Patiño, o edil de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, o técnico de Xuventude, Chus Díaz, e o comisario da 5ª edición do festival, Arcadi Poch, deron a coñecer o cartel de 2022. Trátase dunha proposta equitativa e con expoñentes de Galicia, España e tamén e tamén de Portugal e Polonia.
Durante a súa intervención, o rexedor sinalou que o Cromático “ampliará a súa zona de influencia, chegando máis aló das áreas urbanas e aterrando, por primeira vez na súa historia, nas parroquias”. Desta forma, un dos murais farase no antigo Hostal Alba (Os Campóns, Sigrás). Pola súa banda, Daniel Mallo incidiu en que, coas da próxima convocatoria, o municipio contará “con 30 obras feitas dentro do Cromático Mural Fest”. O concelleiro destacou que o de 2022 “é unha proposta equitativa na que hai unha importante presenza de artistas femininas”.
Programa completo
Ademais do de Sigrás, que levará a firma Mon Devane (Galicia), as obras faranse tamén nas zonas urbanas: Cambre, A Barcala e O Temple. O portugués Huariu será o encargado de poñerlle cor a unha parede de Cambre (nas inmediacións da estrada Cambre-O Temple). A artista Socatoba (natural de Badaxoz e residente en Barcelona) fará o propio no Temple, pintando no coñecido como Parque do xardín (baixo a ponte da autoestrada). Por último, a polaca, Magda Cwik, deixará o seu sinal na urbanización A Barcala (rúa Río Sil), dando continuidade ao mural que se realizou en 2021. Tal e como o comisario comentou na presentación, a polaca mostrouse disposta a que calquera persoa que o desexe poida axudala durante o proceso creativo.
Tras o éxito que o mural colaborativo tivo na pasada edición, o Concello propoñerá continuar con este traballo, apostando igualmente por converter o edificio Lumiera nun bosque animado. A actividade realizarase os días 13, 14 e 15 de xullo e estárá aberta á participación de calquera persoa. A isto hai que sumar a organización de varios talleres que estarán impartidos por Viviana Lucciano e Tope Rodríguez.