A veciñanza xa pode inscribirse para recibir formación gratuíta, un composteiro e o material necesario para transformar os residuos orgánicos en abono natural.
O Concello de Cambre e o Consorcio As Mariñas poñen en marcha unha nova campaña de compostaxe doméstica baixo o lema «Aproveita os teus residuos orgánicos, COMPOSTA!», unha iniciativa que busca fomentar a reciclaxe dos restos de cociña e xardín e promover prácticas máis sostibles nos fogares do municipio.
A campaña está dirixida á veciñanza de Cambre e ofrece a posibilidade de aprender a transformar os residuos orgánicos en compost, un abono natural que pode empregarse nas hortas e xardíns.
Inscricións abertas para a veciñanza
As persoas interesadas en participar xa poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web http://consorcioam.rsu.gal/.
Unha vez realizada a inscrición, o equipo responsable da campaña poñerase en contacto coas persoas participantes para convocalas ás sesións formativas que se celebrarán en Cambre. As datas e o lugar anunciaranse proximamente a través das redes sociais e das páxinas web do Concello e do Consorcio As Mariñas.
As sesións serán completamente gratuítas e permitirán coñecer os pasos necesarios para realizar unha compostaxe axeitada, desde os residuos que se poden depositar no composteiro ata o mantemento e a utilización do compost resultante.
Ao remate da formación, as persoas participantes recibirán un composteiro e o material necesario para comezar a compostar nos seus domicilios.
Seguimento dos fogares que xa compostan
A iniciativa tamén contempla actuacións dirixidas ás familias de Cambre que xa dispoñen dun composteiro. Un equipo de mestres composteiros contactará con estes fogares para coñecer a súa experiencia, resolver posibles dúbidas e ofrecer asesoramento personalizado, incluíndo visitas domiciliarias nos casos nos que sexa necesario.
Ademais, no marco da campaña elaborarase unha nova guía de compostaxe doméstica para facilitar información e recomendacións prácticas.
Unha iniciativa conxunta nos oito concellos do Consorcio
A campaña desenvolverase nos oito municipios que integran o Consorcio As Mariñas: Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.
En total, están previstas 36 accións de formación e sensibilización para fomentar a compostaxe doméstica nun territorio no que xa existen máis de 3.000 fogares con composteiro.
O obxectivo é incrementar nun 5 % o número de fogares que compostan activamente e conseguir unha produción adicional de arredor de 27.375 quilogramos de compost ao ano.
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FEDER Galicia 2021-2027.