O Concello de Cambre informa ás familias participantes do Campamento Urbano Verán 2026 das principais indicacións para o inicio desta actividade municipal, que se desenvolverá nas instalacións do CEIP Wenceslao Fernández Flórez. Xunto con esta publicación, ponse tamén á disposición das familias a circular informativa completa con toda a información relativa ao funcionamento do campamento.
O campamento celebrarase por quendas, de luns a venres (agás festivos), nas seguintes datas:
- 1ª quenda: do 1 ao 15 de xullo de 2026.
- 2ª quenda: do 16 ao 31 de xullo de 2026.
- 3ª quenda: do 3 ao 14 de agosto de 2026.
- 4ª quenda: do 17 ao 31 de agosto de 2026.
Cada participante asistirá na quenda na que foi admitido, desenvolvendo actividades de carácter lúdico, deportivo e cultural.
A entrada e saída realizaranse pola entrada peonil dianteira do CEIP Wenceslao Fernández Flórez. Por motivos de organización e seguridade, as persoas acompañantes non poderán acceder ao interior do edificio escolar.
En canto aos horarios, o servizo de mañanceiro funcionará entre as 7:30 e as 9:30 horas, recomendándose que a entrada se realice antes das 9:15 horas para facilitar a organización. O servizo de almorzo prestarase de 7:30 a 9:00 horas, mentres que as actividades do campamento desenvolveranse entre as 9:30 e as 13:30 horas. Os participantes que non teñan solicitado o servizo de comedor deberán ser recollidos ás 13:30 horas, aínda que na modalidade de recollida entre as 13:30 e as 14:30 horas poderá facerse en calquera momento desa franxa. O servizo de comedor realizarase entre as 13:30 e as 16:30 horas, podendo recollerse aos participantes a partir das 15:30 horas.
O Concello lembra a importancia de respectar os horarios de entrada e recollida. Fóra das horas establecidas a porta do centro permanecerá pechada e será necesario contactar coa coordinadora do campamento para poder acceder ás instalacións.
Para o correcto desenvolvemento das actividades, recoméndase que os participantes acudan con roupa e calzado deportivo, gorra ou chuvasqueiro en función das condicións meteorolóxicas, unha botella de auga identificada co seu nome e unha pequena merenda para media mañá. No caso dos nenos e nenas de menor idade, especialmente os de tres anos, deberán deixar no centro unha muda completa. Tamén se aconsella marcar a roupa co nome do participante para evitar perdas.
Durante toda a duración do campamento, as familias deberán manter operativo o teléfono de contacto facilitado. Así mesmo, non está permitido levar aparellos electrónicos nin xoguetes. No caso de que algún participante os leve, serán retirados e entregados aos pais, nais ou titores no momento da recollida ou ao remate da xornada.
A información relativa aos menús entregarase co inicio do campamento. Para calquera comunicación ou incidencia, as familias poden dirixirse á coordinadora do campamento, Victoria, no teléfono 621 152 797 durante o horario de funcionamento da actividade. Tamén poden contactar co Departamento de Educación do Concello de Cambre no teléfono 981 613 291 ou a través do correo electrónico educacion@cambre.org.
Adxunto: Circular informativa de inicio do Campamento Urbano Verán 2026.
