Cinco novos da Asociación XentD100 viaxaron ata Italia para participar no Social Hackathon

15 Xul 2024

Unha páxina web turística con recursos para os visitantes, unha app móbil que proporciona información sobre cada monumento a través dun código QR, unha recreación das melloras solicitadas polos cidadáns no xogo Minecraft, etc. Eses foron tan só algúns dos proxectos nos que Jairo, Susana, Valero, Leire e Aitana, membros da Asociación Xuvenil XentD100, traballaron durante o Social Hackathon de Bevagna (Umbría, Italia). A alcaldesa, María Pan, recibiu aos mozos esta mesma semana, así como á monitora que os acompañou durante a experiencia, Andrea Cadaveira, excodirectora tamén da Open Science, e a José Viñas, un dos impulsores da feira de ciencia de Cambre e tamén parte de XentD100.

Os mozos e mozas estiveron en Italia entre o 4 e o 7 de xullo como premio por quedar entre os tres primeiros postos do Low-Code Fest, o concurso internacional de Europeana.

Durante o Social Hackathon, os mozos foron divididos en distintos equipos para poñer en común estratexias e traballar na procura de solucións para mellorar o día a día de Bevagna tanto para os turistas como para os cidadáns. En todo caso, todas as iniciativas estiveron vinculadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e, particularmente, co benestar e a sustentabilidade.

Todos os mozos coincidiron en sinalar a “convivencia” con xente doutros países como un dos aspectos máis positivos da experiencia. Desta forma, tiveron que poñer en común ideas con outros estudantes de España, pero tamén de países como Italia, Bulgaria e Hungría, entre outros.

Tras escoitar como fora a viaxe, a rexedora felicitou a todo o grupo, ao que animou a “aproveitar este tipo de experiencias que vos enriquecen tanto a nivel formativo como persoal”. Pan Lesta deulles as grazas “por seguir levando o nome de Cambre tan lonxe e, neste caso, participando nun evento con centos de representantes de toda Europa”.

Tamén che pode interesar