‘Come ben, vive san’, o novo programa do Concello que apostará pola alimentación saudable

24 Mar 2023

A alimentación saudable volverá ser a temática do próximo programa de información e sensibilización da Consellería de Educación e Sanidade. Despois do éxito asinado na Semana da Alimentación Saudable de 2022, o Concello repetirá a experiencia a través da organización do programa ‘Come ben, vive san’. O concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, subliña que é “imprescindible” que os cidadáns coñezan os beneficios “de levar unha alimentación equilibrada”. O rexedor sinala que durante a Semana da Alimentación Saudable “moita xente aínda se sorprendeu ao descubrir que comer rico non ten por que estar reñido con comer san”.

A programación desenvolverase entre os días 17 e 21 de abril na aula Portomuíños da Barcala (de 19:00 a 20:00 horas). Cada sesión centrarase nun tema diferente. Así, o calendario de actividades será o seguinte:

• Luns 17 de abril: verduras atractivas
• Martes 18 de abril: cociña con legumes
• Mércores 19 de abril: tuppers saudables
• Xoves 20 de abril: receitas saudables rápidas
• Venres 21 de abril: sobremesas saudables

Ao remate da actividade do venres, sortearanse tres agasallos entre as persoas participantes en todas as xornadas. En concreto, sortearase unha fritideira de aire, unha lékué para cociñar ao vapor e un receitario saudable.

O prazo de inscrición estará aberto dende o luns 27 de marzo ata o 10 de abril. As persoas interesadas poderán anotarse no correo electrónico sanidade@cambre.org ou no teléfono 981 613 186. En todo caso, deberán indicar o seu nome completo, o número de participantes que asistirán á actividade e tamén facilitar un número de teléfono.

Todas as actividades estarán dirixidas pola nutricionista e experta en alimentación, Carolina Mosquera. Mosquera xa impartira as sesións dentro da Semana da Alimentación Saudable, en febreiro de 2022. Nunha das charlas tamén colaborará a nutricionista do centro de saúde de Cambre, Rita Allegue.

Tamén che pode interesar