O Concello xa concluíu o proxecto de subministración e montaxe de mobiliario urbano e de xogos na zona de esparexemento público da urbanización Castros do Bosque, na parroquia de Cecebre. Os traballos executáronse cun orzamento de 13.429,14 euros (IVE incluído).
Esta área dispón de céspede natural e, antes da realización das obras, contaba cunhas mesas de picnic que, debido ao paso do tempo, non se atopaban en bo estado de conservación.
O proxecto do Concello supuxo a substitución destes elementos por outros novos. A maiores, subministrouse e montouse unha pérgola de madeira para crear zonas de sombra sobre as novas mesas de picnic. As intervencións incluíron, por último, a subministración e montaxe dun peche simple a base de valo de madeira e de diversos elementos de xogo que substitúen aos que se retiraron da zona no seu día. En concreto, colocáronse dous xogos de balanceo e un tobogán.
Con estas actuacións, buscouse seguir mellorando e acondicionando os lugares públicos de esparexemento para uso e goce dos veciños e veciñas.