Os feitos producíronse en 2021, cando a Policía Local recibiu a chamada dun hostaleiro alertando de que dúas persoas estaban a provocar estas desfeitas.
Dous mozos de 30 e 25 anos, e naturais de Culleredo, terán que indemnizar ao Concello de Cambre con 840,95 euros por provocar desfeitas nunha rede de aspersores municipal. Así o acaba de ditaminar o Xulgado de Instrución número 4 da Coruña, determinando que, ademais da pena de multa, os infractores deberán abonar esa cantidade en compensación polas desfeitas que provocaron nos aspersores do Paseo Marítimo, localizados entre dous establecementos de hostalería.
Os feitos producíronse en xullo de 2021, cando a Policía Local de Cambre recibiu a chamada dun hostaleiro da zona que denunciaba que dúas persoas estaban a patear a rede de aspersores neste lugar. Ata alí achegouse a patrulla, que localizou aos infractores, aínda mollados e en estado de embriaguez. A identificación realizouse, ademais, por un vídeo gravado polo requiriente. Acto seguido, a Policía abriu dilixencias por un posible delito de danos.
Agora, os infractores deberán asumir a correspondente pena dun mes de multa e pagar unha cantidade indemnizadora ao Concello de Cambre polas desfeitas provocadas en ata 14 aspersores de auga.