Espectáculos, obradoiros e visitas de Papá Noel: así será o primeiro Poboado de Nadal da historia de Cambre

8 Dec 2022

Cambre terá, por primeira vez na historia, un Poboado de Nadal para os máis nenos e nenas. A iniciativa chegará ao parque Ramón Barba entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro de 2023, ofrecendo espectáculos, talleres e visitas de Papá Noel aos máis pequenos e pequenas da casa. Esta será, unicamente, unha das propostas da programación do Nadal do Concello, que incluirá tamén a campaña de Rasca e Gana e a celebración do XIV Concurso de Escaparates.

Por unha banda, o parque Ramón Barba acollerá, ata o 5 de xaneiro, varias casetas onde se levarán a cabo talleres e visitas de Papá Noel e os seus elfos. A maiores, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan, estas propostas combinaranse con outras actividades ao aire libre. Salvo os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, haberá un taller infantil de forma diaria. En canto ao horario, estes serán de 17.00 a 21.00 horas, menos o 24, o 31 de decembro e o 5 de xaneiro, cando se organizarán de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas. Acompañados por monitores, os e as participantes realizarán talleres de decoración de bolsas de papel, adornos para a árbore, colaxe, cociña, portavelas, chapas, pestillos, reciclaxe, centros florais, monicreques e agasallos. Podedes consultar a programación completa

Os nenos e nenas que desexen coñecer a Papá Noel e aos elfos terán a ocasión de facelo os días 22 e 23 de decembro (de 17.00 a 21.00 horas), e o 24, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas. O Poboado será, ademais, o escenario do espectáculo Kote (30 de decembro ás 18.00 horas), no que se combinarán o circo, o teatro, os malabares e o humor.

Dinamización comercial

O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, reuniuse, nos últimos días, cos responsables dos comercios do municipio. O obxectivo deste encontro non foi outro que explicarlles as accións que conforman a campaña de dinamización comercial do Concello. Alcantarilla destacou que, un ano máis, o Concello poñerá en marcha o Rasca e Gana e o Concurso de Escaparates: “trátase de dúas iniciativas que colleitan, ano tras ano, un grande éxito de participación, polo que agardamos que este ano funcionen mesmo mellor que en anteriores edicións”. O edil confía en que ambas as propostas sirvan “para impulsar as compras non tecido comercial durante estas datas sinaladas”.

O Rasca e Gana de Cambre distribuirá, nesta convocatoria, premios por valor de 10.000 euros. Esta contía estará repartida da seguinte forma: 225 bonos de 20 euros, 45 bonos de 50 euros, 25 de 100 euros e 3 de 250 euros. A maiores, as persoas que consuman nos comercios adheridos poderán facerse con 65 lotes de produtos de Nadal valorados en 65 euros e con outros cinco cun valor de 125 euros. O Concello sorteará, así mesmo, outros dez lotes nas feiras municipais.

XIV Concurso de Escaparates

Por último, o Concello organizará unha nova edición do seu Concurso de Escaparates, no que poderán participar: comercios, locais e/o negocios de hostalería e establecementos de servizos persoais que desenvolvan a súa actividade económica no termo municipal, teñan un establecemento aberto ao público e un escaparate decorado con motivos do Nadal, durante o período comprendido entre o 16 de decembro e o 5 de xaneiro de 2023.

En total, entregaranse premios por valor de 4.000 euros repartidos da seguinte forma:

  • 1º premio: 1.000 euros
  • 2º premio: 700 euros
  • 3º premio: 500 euros
  • Accésits por sustentabilidade (400 euros) e por adecuación ao produto (400 euros)
  • Premio por votación popular de 1.000 euros

O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de decembro. Os negocios que desexen anotarse poderán facelo a través da sede electrónica ou nos rexistros do Concello (pedindo cita previa).

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.