Fendetestas, o mural de Mon Devane, nomeado como un dos mellores do mundo na plataforma Street Art Cities

2 Ago 2022

A obra do artista galego foi a única seleccionada de Galicia e unha das cinco de España.

Fendetestas, o mural que Mon Devane pintou en Sigrás, foi seleccionado como un dos mellores do mundo da plataforma global Street Art Cities. A creación do artista galego opta a este recoñecemento despois de superar dúas fases previas. En primeiro lugar, e grazas ao labor dos street art hunters (cazadores de arte urbana), a entidade fixo unha selección dun centenar de obras de entre preto de 1.000 cidades. A continuación, Street Art Cities publicitou as fotografías de cada un a través de redes sociais, sendo a propia audiencia a encargada de escoller aos 25 favoritos. Precisamente, a creación de Mon Devane converteuse nunha das máis populares e, agora, está seleccionada como finalista para ser a mellor do mes de xullo.

O artista mostrouse, esta mañá, “orgulloso de ter sido seleccionado como uns dos favoritos”. Mon Devane sinala que esta selección “é moi positiva, non só para min como artista, senón tamén para o Concello e para o propio Cromático Mural Fest”.

Pola súa banda, o alcalde, Óscar García Patiño, incidiu no “enorme orgullo que supón para o Concello que esta obra forme parte do noso museo ao aire libre”. García Patiño lembra que “o mural de Mon Devane foi ou único seleccionado de Galicia e un dos cinco elixidos de toda España”.

As persoas poderán votar polo mural cambrés a través do formulario habilitado pola organización. O prazo para emitir votacións estará aberto ata o 10 de agosto.

Mon Devane retratou ao actor e cómico Xosé Antonio Touriñán, converténdoo en Fendetestas, o personaxe del Bosque Animado, de Wenceslao Fernández Flórez

Tamén che pode interesar