Festicultores Troupe porá a nota musical na primeira xornada da VI Galaicoi

6 Xul 2023

Festicultores Troupe poñerá a nota musical durante a xornada inaugural da romaría castrexo-romana Galaicoi. Facendo gala da súa fama como cultivadores de festas, o grupo encargarase de amenizar a noite do venres, 14 de xullo, dando un concerto no Castro a partir das 23.00 horas. A actuación realízase a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Temas como Cobra, Beberei toda a noite, Os festis están aquí ou A kabra makabra formarán parte do repertorio co que a agrupación animará a primeira noite de Galaicoi.

A de Festicultores non será a única actuación do programa da VI Galaicoi. Desta forma, a cita contará tamén coa participación das agrupacións locais que, tradicionalmente, levan os seus instrumentos á romaría para tocar pezas durante todo o evento. A maiores, o grupo Upsala amenizará tamén a sexta edición da romaría coa súa música.

O teatro, moi presente

O teatro será outra das pezas fundamentais da VI Galaicoi. Como noutras edicións, representaranse unha comedia e unha traxedia. O venres, 14 de xullo, interpretarase Los gemelos de Plauto, unha obra na que se conta a historia dos irmáns Sósicles e Menechmo, separados ao nacer. Coa desaparición de Menechmo, o avó dos irmáns adopta a Sósicles e cámbialle o nome polo mesmo que o do seu irmán. O Menechmo orixinal fora raptado por un mercador e inicia unha nova vida na cidade de Epidamno. Cos anos, ambos crecen separados, sen saber da vida do outro, pero todo cambia cando un deles decide buscar ao seu xemelgo perdido. O sábado, día 15, será a quenda de Medea, que relata a vinganza que esta muller ansía despregar contra Jasón ao descubrir que pretende á filla do rei Creonte.

A compañía de teatro Noite Bohemia será a encargada de dar vida aos personaxes de ambas as funcións. O teatro de Cambre será o escenario das dúas actuacións, que se levarán a cabo ás 22.00 horas.

Tamén che pode interesar