Cambre recuperará o Día do Deporte na Rúa tras dous anos de parón pola emerxencia sanitaria. Así o confirmou o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, durante a presentación do evento, que tivo lugar esta mañá. A cita, que vivirá en 2022 o seu terceiro aniversario, celebrarase o domingo, 23 de outubro, incorporando varias novidades. Desta forma, rexistrarase un incremento tanto no número de asociacións e clubs participantes como na cifra de instalacións nas que levarán a cabo as distintas actividades. Durante a súa intervención, o edil apuntou que se trata dunha oportunidade “única para coñecer aos clubs que están asentados no municipio e para probar diferentes disciplinas deportivas”.
O concelleiro destacou “a grande implicación do tecido asociativo deportivo”, unha afirmación que apoiou nas cifras de participación: en 2019, tomaron parte na xornada un total de 18 clubs. Na de 2022, esta cantidade subirá ata as 23. En concreto, o Día do Deporte na Rúa contará cos seguintes clubs, procedentes de todo o termo municipal: Hockey Club Cambre, COORS F.S.-Unión GR9, Asociación Tai-Yang de Cambre, Club Patín Enxebre Cambre, Peña Ciclista Monte Xalo, Club Ciclista Cambre-Caeiro, Arqueros de Cambre, C.E.M Troglobios, Cambre Towers, O. Caballeros C.F., SP. Cambre S.D.C.R, Judo Club Cambre, Escola Xadrez Sigrás, Brexo-Lema S.D., Club Chave Villa de Cambre, Club Chave Amigos A Barcala, Club Baloncesto Cambre, Escuela de Tenis Marineda, Club Patinaxe Alquimia, Club Beisbol y Sofbol Cambre, Club Cambre Tenis de Mesa, Taller Brasil de Capoeira e Club Colombófilo Mensaxeiras de Cambre.
Como en anteriores edicións, as actividades levaranse a cabo no Campo da Feira, na zona do Parque da Igrexa e no pavillón. Este ano incorpórase, ademais, a pista deportiva exterior do Wenceslao Fernández Flórez como un novo espazo que acollerá actividades. Esta dependencia súmase tras concluírse o proxecto de mellora que o Concello realizou con fondos da Deputación da Coruña.
Sistema de selaxe
En canto ao desenvolvemento da xornada, manterase intacto con respecto ás últimas edicións. Isto é, premiarase ás persoas que proben un maior número de prácticas deportivas. Para comprobalo, faráselles entrega dun díptico no que poderán ir selando os deportes que xa probaran. Para conseguir a súa recompensa deberán ter un mínimo de cinco selos.
Mallo confía en que a cita se recupere “coa esencia das súas orixes, atraendo ao maior número persoas posible”. Neste sentido, o edil anima aos veciños e veciñas a “sumarse á iniciativa, coa que se buscamos que a xente pase un rato agradable en familia no que, ademais, poidan probar e coñecer aos clubs do municipio”.