Máis de 600 persoas participaron nas visitas guiadas do Museo de Cambre

28 Mar 2025

O Museo do Xacemento Romano converteuse nunha parada obrigatoria en Cambre. Así, ao longo do 2024, a instalación municipal recibiu a 610 persoas que participaron nas visitas guiadas que organiza o Concello para poñer en valor o seu patrimonio e historia. En relación ao 2025, o número de persoas que tomaron parte nesta actividade é, ata a data, de 205, fixándose novas propostas para o 30 de abril e para os días 9 e 23 de maio.

A iniciativa inclúe, non só un percorrido polo propio Museo do Xacemento Romano, senón tamén á igrexa de Santa María de Cambre, outro dos principais reclamos turísticos do municipio. Como explica o concelleiro de ADL, Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, “o obxectivo non é outro que dar a coñecer a nosa enorme riqueza patrimonial e histórica. Trátase de visitas didácticas que se poden adaptar a persoas de todas as idades”.

Da cifra total de visitantes, a maioría correspóndese con grupos de alumnos dos colexios e institutos de Cambre. No segundo caso, a través dos programas de intercambio Erasmus+ organizados polos centros de ensino, coñeceron o Museo mozos de Oxford, Cracovia, Bulgaria e Austria.

A dependencia municipal recibiu tamén a visitantes de municipios limítrofes como Oleiros ou doutras partes de Galicia como, por exemplo, Palas de Reis, Burela e Vigo. Deste último concello acudiron, precisamente, un grupo de estudantes do máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da Universidade de Vigo.

En canto a épocas do ano, aínda que estas propostas repártense ao longo de todos os meses, os de marzo e xullo de 2024 foron, ata o de agora, os que concentraron un maior número de visitas, con tres visitas cada un.

As persoas interesadas en solicitar unha visita guiada poderán formular a súa solicitude a través do correo electrónico museo@cambre.org ou do teléfono 981 65 62 17.

Próximas melloras

O Museo do Xacemento de Cambre recibiu, este mes, o diploma de recoñecemento ao compromiso para a mellora da calidade no marco do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos. En paralelo, dentro do programa da feira Biocultura, outorgóuselle tamén o certificado de pertenza á Rede de Centros de Información Territorial da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Froito da colaboración entre a Reserva de Biosfera e o Concello, o Museo será obxecto, proximamente, dunha serie de melloras. Tendo en conta as necesidades trasladadas por Ramón Boga, levarase a cabo a instalación dun novo equipo audiovisual co que se proxectarán películas, documentais e material gráfico para acompañar a conferencias, por exemplo. Así mesmo, dotarase ao Museo dunha nova vitrina coa que se ampliará o espazo expositivo.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.