María Pan: “Gobernaremos en solitario e seguiremos traballando para que Cambre volva á senda da estabilidade”

22 Abr 2024

“Unión x Cambre é un partido local formado por veciños e veciñas e, por iso, somos conscientes de que ante a situación de bloqueo do Concello non hai máis tempo que perder. Imos gobernar en solitario, mantendo a liña de traballo destes últimos meses e poñendo o interese da cidadanía por enriba de todo”. Así o confirmou a alcaldesa de Cambre, María Pan Lesta, avanzando a configuración do goberno: “estará configurado en sete áreas e todos e todas traballaremos cunha folla de ruta moi clara que pasará por facer que Cambre volva á senda dá estabilidade e do crecemento”.

As sete áreas serán as seguintes:

  • Presidencia: María Pan Lesta
  • Urbanismo, Obras, Servizos, Transporte e Medio Ambiente: Juan González Leirós
  • Economía, Facenda, Innovación Tecnolóxica e Seguridade Cidadá: Daniel Mallo Castro. O concelleiro será tamén o portavoz do goberno.
  • Servizos Sociais e Recursos Humanos: Yolanda Díaz Baldomir
  • Axencia de Desenvolvemento Local, Patrimonio e Turismo: Ramón Boga Moscoso
  • Desenvolvemento Asociativo, Educación e Sanidade: María Carmen Pan Matos
  • Cultura, Deportes e Xuventude: David López Saborido

Outra das principais novidades será a relacionada coas xuntas de goberno local. Ademais dos concelleiros de Unión x Cambre, os edís de Alternativa dos Veciños (Raúl Varela Fraguío e Manuel Castro Uzal) participarán tamén neste órgano colexiado. Pan sinala que chamou a todos os grupos para propoñerlles entrar nas xuntas de goberno, pero só mantivéronse reunións con AV e co BNG, que foron “os que sentaron a falar sobre este tema”. Neste sentido, a alcaldesa entende que a presenza dos concelleiros de AV nas xuntas de goberno “serviralles para analizar os pasos que se están dando para solucionar a situación da Administración local e para propoñer as súas achegas”.

Diálogo con todas as forzas

A primeira edil agradece “a predisposición amosada polos grupos e, en particular, por Alternativa dos Veciños, que demostraron ter un interese real en querer solucionar esta parálise e acordar os temas importantes para Cambre e para a súa veciñanza”. A alcaldesa convida aos demais grupos para “reflexionar” en aras de aprobar en pleno as dedicacións e retribucións da alcaldesa, os concelleiros e do persoal eventual, un paso que cualifica como “esencial para poder estabilizar este goberno que segue traballando co obxectivo de devolver a Cambre a unha situación de tranquilidade e normalidade”.

Pan Lesta tamén agradece a predisposición do BNG para poñer sobre a mesa todos os asuntos de interese para Cambre e a buscar solucións consensuadas. A rexedora considera que “o camiño que se empezou a andar en canto ao diálogo e a negociación debería ser tamén o que marcase os próximos tempos en Cambre. Diálogo é a palabra que máis repetín no meu discurso de investidura, un diálogo que permitiu avanzar nas últimas semanas e que espero que vaia dando froitos nos próximos tempos”.

Proposta de dedicacións e soldos

“Somos conscientes que, con sete concelleiros, o labor do persoal de confianza é fundamental e, por iso, levaremos a pleno unha proposta na que só haberá cambios de denominacións dos postos do persoal eventual e o cambio dunha media dedicación a unha xornada do 80 %”. Pan aclara, ademais, que os soldos dos edís do goberno permanecerán “igual que os aprobados a comezos de lexislatura a pesar de que a carga de traballo de cada edil verase incrementada de xeito considerable”. En canto a retribucións, o único cambio será o da alcaldesa, que pasará a ter a dedicación exclusiva cunha retribución que superará nun euro á da secretaria municipal.

“Son consciente de que un goberno en minoría conleva, sobre todo, diálogo e negociación continua cos diferentes partidos para sacar os temas adiante, pero confío en que aqueles de interese xeral e prioritarios para Cambre non atoparán un voto en contra do resto dos partidos. Por iso, agardo que nos permitan sacar adiante tanto as retribucións como o persoal eventual para poder darlle a Cambre estabilidade política canto antes”.

A expensas de celebrar o pleno para abordar ambos os puntos, os concelleiros xa están dedicados plenamente ás súas áreas algo que agradece a alcaldesa publicamente.

Folla de ruta

A rexedora subliña que a folla de ruta do goberno estará centrada en seguir dando pasos de fronte ao “desbloqueo do Concello, priorizando, por enriba de todo, o pago das facturas aos provedores e ás entidades locais e a regularización dos contratos que se atopan en precario”.

A alcaldesa aclara que se trata dun labor que “xa botou a andar hai meses e cuxos froitos espera se vexan máis cedo que tarde. Hai dous temas fundamentais que son acabar coa liquidación do orzamento 2023 que está xa ultimándose en Intervención e a aprobación dos orzamentos de 2024 que están para informe de Intervención desde o pasado 8 de abril despois do informe desfavorable de Intervención ao primeiro documento orzamentario presentado”.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.