Nadal na Casa Arrigada: actividades gratuítas para a mocidade de 12 a 30 anos
A Casa Arrigada volve converterse este Nadal nun espazo de encontro, lecer e participación coa programación “Nadal na Casa Arrigada 2025”, unha proposta dirixida á mocidade de entre 12 e 30 anos, con actividades gratuítas que se desenvolverán entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro.
A programación arrinca o luns 22 de decembro, cunha xornada de presentación das actividades, na que se explicará o funcionamento das propostas e se abrirá o prazo de inscrición para os distintos torneos e obradoiros. A partir de aí, sucederanse diferentes actividades lúdicas, deportivas e creativas ao longo das vacacións de Nadal.
Entre as propostas destacan os torneos de ping pong (23 de decembro) e futbolín (29 de decembro), unha xornada dedicada aos xogos de mesa (26 de decembro) e un roteiro de sendeirismo polos arredores de Cambre (30 de decembro), con prazas limitadas.
Xa no mes de xaneiro, a programación continúa con dous obradoiros de casas-niño para paxaros (2 e 7 de xaneiro), tamén con prazas limitadas, e coa actividade “Envolve os teus agasallos” (5 de xaneiro), pensada para aprender técnicas creativas de envoltorio reutilizando materiais.
Todas as actividades son totalmente gratuítas. A inscrición pode realizarse na propia Casa Arrigada, en horario de 10:00 a 14:00 horas, por teléfono no 981 613 170 ou a través do correo electrónico actividadesomix@cambre.org. No caso das actividades con límite de prazas, o prazo de inscrición remata o día lectivo anterior á súa realización.
Con esta programación, a Casa Arrigada aposta un ano máis por ofrecer un Nadal activo, participativo e creativo para a mocidade do municipio.