O equipo de goberno de Cambre, encabezado pola alcaldesa María Pan, reuníronse o pasado venres 8 con representantes de todos os grupos da Corporación municipal, co obxectivo de continuar o diálogo e as negociacións para a aprobación dos Orzamentos do exercicio 2025. Pan agradece a todos os grupos municipais a súa presenza nestas reunións que o que pretenden é buscar un consenso en relación coas contas anuais.
Tratouse da segunda reunión realizada con respecto a este tema, despois dunha primeira toma de contacto o pasado mes de setembro, á que asistiron o goberno local e os grupos de PSOE e Alternativa dos Veciños.
Durante a reunión, o edil de urbanismo Juan González Leirós explicou aos asistentes os proxectos que o goberno propón para incluír no capítulo de investimento para o próximo ano, e fíxose entrega de toda a documentación aos grupos asistentes. Ademais, valoráronse as achegas realizadas previamente por Alternativa dos Veciños, PP e BNG, e expúxoselles se estas foran incluídas ou non, e o motivo destas decisións.
Despois da reunión e da entrega da documentación, o goberno local emprazou a todos os grupos da Corporación a unha nova reunión que se convocará nuns dez días para coñecer a posición dos grupos da corporación do orzamento municipal para 2025, onde se tiveron en conta algunhas das propostas formuladas polo resto de grupos.
As contas municipais de 2025 están practicamente finalizadas e serán similares ás de 2024 no que se refire a contía, roldando os 21 millóns de euros.
A alcaldesa brindouse a enviar o documento económico antes da próxima reunión e avanzou que o concelleiro de Economía e Facenda, Daniel Mallo, traballa agora na modificación das bases de execución do orzamento que tamén se lles entregará antes da próxima reunión.
“Son consciente de que gobernamos en minoría e que precisamos apoios”, admitiu a alcaldesa de Cambre, María Pan, que destacou a aposta do goberno local por levar actuacións a todo o municipio. “Nestes orzamentos avogaremos por pequenos proxectos que cheguen a todas as parroquias, no lugar de grandes actuacións como o salón de actos da biblioteca central, que non incluiremos polo momento”, indicou a rexedora.
Ademais, María Pan sinalou que outra das prioridades do equipo de goberno é mellorar as condicións dos servizos básicos do municipio. “No capítulo de gastos corrente levaremos crédito suficiente para poder licitar os servizos que aínda están en precario e cuxos pregos ou están rematados ou están en revisión polos departamentos correspondentes”, sinalou a alcaldesa, que pediu buscar, entre todo, puntos en común e “deixar dun lado as siglas e pensar só na veciñanza e en Cambre”.