A descuberta do Choqueiro, un dos personaxes máis tradicionais do Entroido, supuxo o pistoletazo de saída para o Entroido en Cambre. O personaxe presidirá a Casa do Concello ata o vindeiro domingo, 9 de marzo. O concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, Óscar Barrientos, e a edil de Desenvolvemento Asociativo, Educación e Sanidade, María Carmen Pan Matos, acompañados por persoal da área de Cultura estiveron presentes durante o destape do Choqueiro.
Con este acto, o Concello busca rememorar un costume moi común nas parroquias de Cela ou Brexo Lema, entre outras. Os veciños e veciñas destes lugares adoitaban colocar este tipo de figuras na entrada dos seus domicilios, recibindo así o período de Entroido. O Choqueiro (tamén coñecido como Meco) é un personaxe vinculado ás desviacións morais e ao que se lle atribuían cualificativos como os de lacazán ou lambón. De feito, coñéceselle pola súa debilidade pola comida ou polo diñeiro.
Transcorrido o Entroido, e tal e como reza a tradición, o Choqueiro abandonará o seu lugar privilexiado na Casa do concello e daráselle eterna sepultura.
Concurso de disfraces, carrozas e comparsas
O Concello pechará o mércores, 5 de marzo, o prazo de inscrición para apuntarse ao concurso de disfraces, carrozas e comparsas do Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo.
As persoas interesadas en participar poderán anotarse mediante a presentación da solicitude nos Rexistros de Cambre ou a través da sede electrónica.