O Concello asesorará aos veciños que queiran traballar na planta de Amazon en Cambre

22 Xul 2024

Os veciños e veciñas que estean interesados en traballar para a planta que Amazon vai abrir no polígono do Espírito Santo deberán inscribirse na lista de demandantes de emprego do Concello de Cambre, que xestionan desde a área de Desenvolvemento Socioeconómico. A multinacional abrirá a inscrición de solicitudes a partir do día 29 de xullo.

Así o confirmou a alcaldesa, María Pan, tras a última reunión mantida xunto ao concelleiro da Axencia de Desenvolvemento Socioeconómico, Patrimonio e Turismo, Ramón Boga, e a coordinadora da área con representantes da empresa. Ofertaranse ao redor de 70 postos na nave loxística como mozo/a de almacén. Para optar aos mesmos, os veciños terán que estar rexistrados na lista de demandantes de emprego do Concello.

Desde o departamento de emprego municipal daráselles asesoramento e información aos solicitantes sobre o proceso de contratación que se fará mediante unha plataforma en liña.

Os cambreses que necesiten máis información poderán contactar con ADL a través do teléfono 981 61 31 96 e do correo electrónico adl@cambre.org.

Cifras de emprego

A alcaldesa, María Pan, incide en que se trata dunha noticia “moi positiva que vai permitir estimular as cifras de emprego no municipio”. A rexedora incide en que os veciños e veciñas “deberán superar todas as probas deste proceso selectivo, como terán que facer o resto de aspirantes, pero como se acordou, terán esa prioridade á hora de optar aos postos”.

A primeira edil lembra que este non é o primeiro acordo ao que o Concello chegou con empresas de gran dimensión: “no 2022 asinouse un acordo con Profand para estimular a contratación de veciños e veciñas na súa nave no polígono do Espírito Santo” e aposta en seguir traballando nesta liña para poder ir xerando oportunidades de emprego para os veciños e veciñas de Cambre entre as empresas que se instalen no polígono industrial.

Pan Lesta incide na posición estratéxica de Cambre como revulsivo para a chegada de máis empresas: “somos conscientes do potencial do Espírito Santo e levamos anos traballando para impulsar este parque industrial”. Neste sentido, a rexedora apunta que o Plan Xeral de Cambre en tramitación xa recollía ata tres procesos de ampliación para “seguir impulsando esta área industrial e poder acoller a máis empresas da capacidade de Amazon”.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.