O Concello de Cambre incrementará os traballos de limpeza e controis de vixilancia no Temple tras o aumento da presenza de ratas na praza Manuel Murguía ou na zona onde se están realizando as obras de dragaxe da ría, así como áreas perimetrais, para atallar de forma urxente esta situación que pode poñer en alerta aos veciños e veciñas do municipio.
A responsable da concellería de Medio Ambiente, Mobilidade e Sanidade, Patricia Parcero Quiñoy, sinala que “o aumento destes avistamentos veuse producindo desde o inicio das obras de dragaxe da ría xa que é precisamente por esas zonas onde se atopan os niños”. Por este motivo “acordamos coa empresa encargada dos traballos de vixilancia e control de pragas que incrementen estas accións ata finais de ano, coincidindo coa previsión da finalización das obras de dragaxe, e que pasen a realizarse cada 15 días”, afirma a edil.
Desde a concellería de Medio Ambiente sinalan que dita empresa fai varias desratizacións ao ano e que, ante a problemática actual, aumentarase o número das mesmas. “As desratizacións lévanse a cabo en lugares non accesibles á cidadanía como pozos ou redes de sumidoiros por todo o que implica para a nosa saúde”, subliña Patricia Parcero.
Actualmente fixéronse controis e desratizacións nas rúas Constitución, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Emilia Pardo Bazán, ademais da praza Manuel Murguía. De feito, o avistamento de ratas nesta última localización foi maior debido aos contedores subterráneos que se atopan nela.
“Os lugares escuros, húmidos e con mal cheiro son os elixidos por estes animais para criarse, por iso se viron máis na devandita praza”, afirma a concelleira, destacando que desde o Concello estase a traballar para “atallar o problema de maneira rápida e eficaz, do mesmo xeito que se actúa cando recibimos un aviso particular de calquera veciño ou veciña que nos alerta da presenza de ratas por diferentes vías”.
Pola súa banda, o alcalde en funcións, Juan González Leirós, subliña as palabras de Patricia Parcero e incide en que “a saúde dos nosos veciños e veciñas é algo primordial para este Concello e por iso actuamos en consecuencia, reforzando aínda máis os labores de vixilancia e controis en puntos negros”. “Non estamos fronte a unha praga en si, estamos fronte a unha situación que se viu agrandada con motivo das obras de dragaxe da ría e o importante é que o estamos a solucionar para o benestar de todos e todas”.