O Concello conclúe as beirarrúas entre a Escola de Música Sementeira e o local de Sigrás

9 Set 2022

Nos últimos meses, o gobierno local centrou un maior esforzo na mellora da seguridade viaria nas parroquias, promovendo a construción de sendas en Meixigo, Cela e Anceis, así como nas zonas máis urbanas. 

O Concello acaba de concluír as sendas entre a Escola de Música Sementeira e o local social de Sigrás, reforzando así a seguridade viaria e a accesibilidade nesta parroquia. As obras, financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación, saíron a licitación por 57.310,89 euros. Nos últimos meses, o goberno local centrou un maior esforzo na construción de senllas peonís en varios puntos do termo municipal. Así, ás executadas en Sigrás, hai que sumar intervencións como as de Cela, Meixigo, Anceis e outras actuacións nas zonas máis urbanas (como, por exemplo, na estrada da Estación).

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, sinala a “importancia” destas actuacións, coas que se están creando “itinerarios peonís seguros nas parroquias e nas zonas urbanas”.

O proxecto de Sigrás incluíu a demolición do pavimento existente fronte á escola. Antes destes traballos, o firme estaba executado por unha celosía de plástico, o que provocaba esvaróns por parte dos viandantes. As obras serviron, por unha banda, para substituír o pavimento, substituído por outro de formigón. Na zona oeste da instalación creouse unha beirarrúa de pavimento de aglomerado asfáltico. O proxecto supuxo, ademais, a colocación de novos puntos de luz ao longo da calzada.

Aceiras AC-214

Ás obras de titularidade municipal hai que engadir, así mesmo, os dous proxectos que a Xunta de Galicia está a executar no termo municipal: a creación de beirarrúas na AC-214 polos núcleos da Telva, A Pena e A Xira e a execución dun carril ciclista e peonil que unirá A Xira con Cambre. García Patiño incide en que, en ambos os casos, se trata de “obras esenciais e que foran solicitadas, en múltiples ocasións, tanto polo Concello como polos veciños e veciñas”.

Tamén che pode interesar