O Concello de Cambre reforza o seu apoio á comunidade educativa con máis de 100.000 € en convenios coas ANPAs para actividades extraescolares

12 Set 2025

A alcaldesa, Diana Piñeiro, destacou a prioridade absoluta que o seu goberno deu a desbloquear e axilizar estas axudas, esenciais para as familias cambresas.

O Concello de Cambre deu un paso decisivo no seu apoio á educación e ás familias do municipio coa sinatura dos convenios de colaboración coas Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPAs) dos cinco centros de educación primaria públicos. Un investimento global que supera os 100.000 euros e que está destinado a subvencionar as actividades extraescolares.

Este importante desembolso, ratificado esta mañá nun acto institucional, reflicte o firme compromiso do goberno local coa comunidade educativa, asegurando a posta en marcha dunha oferta de actividades complementarias que enriquece a formación do alumnado e convértese nun pilar fundamental para a conciliación da vida familiar e laboral no municipio.

Beneficiarias das axudas

As ANPAs beneficiarias destes convenios, que son as entidades que xestionan e organizan gran parte da oferta de actividades extraescolares, corresponden aos seguintes centros educativos:

  • CEIP W. Fernández Flórez

  • CEIP Portofaro

  • CEIP Emilio González López

  • CEIP Gonzalo Torrente Ballester

  • CEIP O Graxal

Compromiso, axilidade e planificación de futuro

Durante o acto da sinatura, a alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, puxo de relevo o esforzo realizado polo seu equipo de goberno para priorizar e axilizar todo o procedemento administrativo.

Entendemos a importancia crítica destas subvencións para o normal desenvolvemento da vida escolar e para a conciliación das familias. Por iso, volcámonos en desbloquear e axilizar os trámites para que os fondos cheguen aos seus destinatarios o antes posible”, afirmou a rexidora.

Piñeiro recoñeceu o valor do traballo das ANPAs e sinalou que, aínda que estes convenios “non solucionan na súa totalidade os problemas estruturais que arrastran as ANPAs desde hai tempo, sen dúbida contribúen a palialos e a darlles a estabilidade necesaria”. Ademais, avanzou o obxectivo claro do seu goberno para os próximos cursos: “Aprendemos dos atrasos de convocatorias pasadas. A nosa meta é traballar con suficiente antelación para que estes acordos estean asinados e resolto antes do inicio do curso, proporcionando así a seguridade e planificación que as ANPAs e as familias merecen”.

Un pagamento único para maior liquidez

Para garantir a máxima eficacia da axuda, o Concello de Cambre realizará un único pagamento a cada ANPA unha vez finalizado o trámite administrativo. Esta medida busca dotar de liquidez inmediata ás asociacións, facilitando o pagamento aos monitores e permitindo que o inicio das actividades extraescolares se produza sen ningún tipo de demora.

 

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.