O Concello desvela o cartel do XXXI Rock in Cambre con Ugly Kid Joe á cabeza

17 Xul 2023

O Concello acaba de desvelar o cartel da trinta e unha edición do Rock in Cambre, un dos festivais máis lonxevos do xénero e que crece, ano tras ano, en número de asistentes. A cita levarase a cabo o sábado, 5 de agosto, e contará co grupo californiano, Ugly Kid Joe, como cabeza de cartel. Co Eu quero ro! por bandeira, o Concello encara unha nova edición do evento apostando, de novo, por subir ao escenario a bandas internacionais, nacionais, galegas e tamén locais.

O concelleiro de Cultura, David Saborido, sinala a aposta do goberno local por este festival, “que nos pon no mapa, non só a nivel local, senón tamén a nivel nacional e internacional”. O edil explica que, ademais de contar con agrupacións referentes, “uns dos aspectos máis importantes do Rock in Cambre é, precisamente, a presenza das bandas de Cambre, dándolles a posibilidade de dar a coñecer o seu traballo e de compartir escena con grupos cunha enorme traxectoria”.

Ademais de Ugly Kid Joe, o Rock in Cambre contará coas actuacións de Sex Museum, Bala, Os Rastreros e ITH. A esta proposta súmase tamén a representación local. Nesta ocasión, Lost Minnow, Low Gain e Replicantes serán os encargados de reivindicar o talento local.

Os concertos arrincarán ao redor das 18.00 horas. En primeiro lugar, actuarán as bandas locais para, a continuación, dar paso ao resto de grupos. Está previsto que os concertos conclúan ao redor das 4.00 horas.

Unha das dúas paradas de Ugly Kid Joe

Cambre será unha das dúas únicas paradas que Ugly Kid Joe realizará en toda España. Ademais de no Rock in Cambre, a banda actuará no festival Leyendas del Rock de Villena.

Ugly Kid Joe é todo un referente do xénero, interpretando numerosos temas pertencentes ao hard rock, funk metal, grunge, rock alternativo e heavy metal. No seu repertorio, destacan temas como Everything about youCats in the Cradle ou Neighbor.

Do panorama nacional, o Rock in Cambre terá a actuación de Sex Museum. A banda madrileña subirase ao escenario para interpretar algúns dos seus clásicos, como I enjoy the forbiden ou Two sisters. O festival contará tamén con representación da terra. Así, nesta edición actuarán Bala, Os Rastreros e ITH.

 

 

 

 

 

Tamén che pode interesar