O Concello eleva a 15.000 euros a renda per cápita das bolsas de estudo para chegar a máis familias de Cambre

1 Ago 2022

O Concello aprobou, no último pleno, as novas bases das bolsas de estudo para o próximo curso escolar 2022/2023. Fíxoo tras incorporar varias novidades que beneficiarán ás familias solicitantes. Unha das máis importantes é a relacionada coa renda per cápita. Nas últimas convocatorias, podían optar a estas axudas as persoas pertencentes a unha unidade familiar cunha renda per cápita anual igual ou inferior a 10.000 euros. Na nova convocatoria, este límite subiu ata os 15.000 euros para “que as bolsas de estudo poidan abarcar ao maior número de persoas posible”, explica o edil de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez.

Outra das novidades é o incremento nas contías para percibir. Estas cantidades soben no caso da compra de material escolar en educación Primaria (pasando dos 50 aos 75 euros) e de material informático en todas as etapas educativas (pasando dos 100 aos 125 euros).

Así mesmo, incorpórase un terceiro cambio con respecto ao anterior curso escolar: poderán beneficiarse desta liña os alumnos/as de educación Especial que estean escolarizados en centros privados e/o concertados. No resto de etapas educativas, mantense como requisito que o estudante estea matriculado nun centro de ensino público. Mantense este requisito porque, actualmente, non hai ningún estudante que tivera que recorrer á educación concertada e/o privada por falta de praza nun dos colexios públicos de Cambre.

A partida para o curso 2022/2023 será de 24.000 euros. Do total, 18.000 irán destinados a financiar gastos derivados da adquisición de material escolar, libros de texto e uniformes escolares ou vestiario destinado á escolarización. A cantidade restante, 6.000 euros, poderase utilizar para gastos pola adquisición de equipamento informático.

Por unha banda, 18.000 euros destinaranse aos seguintes gastos en cada unha das etapas educativas:

  • 2º ciclo de educación Infantil –libros de texto, material e uniformes escolares ou vestiario destinado á escolarización-.
  • Educación Primaria –uniformes escolares ou vestiario destinado á escolarización-.
  • Bacharelato, Formación Profesional e Educación Secundaria de Adultos –libros de texto e material escolar-.

Pola outra, poderán acceder ao apartado de compra de materiais informáticos os alumnos de 3º a 6º de educación Primaria, o alumnado de ESO e o de 3º de Primaria a 4º de ESO no caso da educación Especial. Poderán subvencionarse equipos informáticos como portátiles, computador de mesa ou tablets, rato, impresora e USB. A maiores, no caso dos beneficiarios de Educación Especial, inclúense ademais comunicadores electrónicos, computadores portátiles e tablets con programas específicos para a súa formación.

O prazo de solicitude estará aberto entre o 26 de setembro e o 10 de outubro.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.