Cambre quere ro! e terao este sábado, 5 de agosto, coa celebración do XXXI Rock in Cambre. O salón de plenos vestiuse, esta mañá, con todo tipo de motivos rockeiros para acoller a presentación, que correu a cargo do concelleiro de Cultura, David Saborido, e do edil de Seguridade Cidadá, Patrimonio, Turismo, Transformación Dixital e Innovación Tecnolóxica, Daniel Mallo. Ao acto asistiron membros dos tres grupos locais que actuarán nesta edición, Lost Minnow, Low Gain e Replicantes, e algunhas das bandas que intervirán no II Rock Infantil, que se celebrará o venres, 11 de agosto, no Parque da Igrexa.
Durante a súa intervención, Saborido sinalou que o festival encara a súa edición número 31 mantendo a esencia das orixes: “cremos que o gran motor deste evento é a participación das bandas locais, que poden compartir escenario con artistas dunha ampla traxectoria tanto a nivel nacional como internacional”. Na mesma liña, Daniel Mallo, apuntou que o Rock in Cambre xurdiu “das ganas e do esforzo dun grupo de rapaces que, hai máis de 30 anos, decidiron organizar un festival para amosar a súa música. Pasaron xa máis de tres décadas, pero o noso compromiso é seguir apostando por darlles o mesmo protagonismo”.
Este ano, a banda californiana Ugly Kid Joe encabezará o cartel do XXXI Rock in Cambre. Así mesmo, o evento contará coa actuación de Sex Museum, Bala, Os Rastreros e ITH. Nesta ocasión, Lost Minnow, Low Gain e Replicantes serán os encargados de reivindicar o talento local.
En canto á orde das actuacións, será o seguinte:
- Low Gain: 18:10 horas
- Replicantes 19:15 horas
- Lost Minnow: 20.30 horas
- ITH: 21.35 horas
- Bala: 22.40 horas
- Ugly Kid Joe: 00.10 horas
- Sex Museum: 1.55 horas
- Os Rastreros: 3.20 horas
Cambre será unha das dúas únicas paradas que Ugly Kid Joe realizará en toda España. Ademais de no Rock in Cambre, a banda estará no festival Leyendas del Rock de Villena.
Un festival inclusivo
Un ano máis, o Concello apostará porque o Rock in Cambre sexa un festival inclusivo, que cumpra cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e que, ademais, estea libre de violencias.
Esa noite, a Policía Local, o Servizo Municipal de Emerxencias e a Garda Civil traballarán de forma coordinada e reforzarán os labores de vixilancia na capital municipal. En total, prevese o despregamento duns 30 efectivos destes corpos e forzas de seguridade no Rock in Cambre. A maiores, o Concello estableceu un protocolo de prevención fronte ás agresións sexuais. Tal e como se explicou na presentación, se algunha muller se atopa nesta situación, poderá achegarse a calquera membro da organización e dicir a frase Eu son Ana ou Yo soy Ana para activar o dispositivo. Con esta frase, o Concello busca lembrar a Ana Orantes, que foi asasinada polo seu exparella en 1997 tras denunciar os malos tratos que sufrira durante anos.
Como na última edición, as persoas con TEA ou con alta sensibilidade auditiva terán, así mesmo, a posibilidade de solicitar uns cascos antes do inicio dos concertos. Por último, a través do programa #AQueXogas da Consellería de Sanidade, repartiranse materiais de concienciación para previr o consumo de substancias aditivas.
Rock Infantil
Tras o éxito da primeira edición, o Parque da Igrexa volverá acoller o Rock Infantil, unha cita coa que se busca transmitir a paixón de Cambre por este xénero ás novas xeracións. A cita terá lugar o venres, 11 de agosto a partir das 18.30 horas, e contará cos seguintes concertos: Uxía Lambona e a Banda Molona, Mamá Cabra (Gloria Mosquera e Diego Maceiras) e a Banda Xuvenil de Sementeira Cambre. A cita contará, ademais, coa colaboración dos alumnos e alumnas do grupo de oratoria do IES Afonso X O Sabio.