O Concello de Cambre informa á veciñanza de que este xoves 25 de xuño, arredor das 12:00 horas, realizarase unha proba de funcionamento das sirenas de aviso da presa de Cecebre, un simulacro organizado pola Xunta de Galicia no marco do Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL).
A actuación ten como obxectivo comprobar o correcto funcionamento dos sistemas de aviso á poboación e familiarizar á cidadanía co son das sirenas, que unicamente se activarían no caso dunha emerxencia real relacionada coa presa.
A proba de Cecebre afectará aos concellos de Cambre e Culleredo e forma parte dun operativo máis amplo que se desenvolverá os días 25 e 26 de xuño en distintas presas de Galicia.
Durante a realización da proba, efectivos da Policía Local de Cambre e de Protección Civil estarán despregados nos distintos puntos onde se sitúan as sirenas para colaborar no dispositivo, comprobar o seu correcto funcionamento e atender as posibles dúbidas da veciñanza.
O Concello lembra que se trata exclusivamente dun simulacro, polo que non existe ningún risco para a poboación nin será necesario adoptar ningunha medida especial. A actividade diaria poderá continuar con total normalidade.
Estas sirenas forman parte dos Plans de Emerxencia de Presas (PEP), integrados no INUNGAL, e constitúen un elemento esencial para avisar á poboación no improbable caso dunha rotura inminente dunha presa.
O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza durante a realización desta proba, que contribúe a mellorar a preparación e a resposta ante posibles situacións de emerxencia.