O Concello iniciou esta semana os traballos de roza de camiños e parcelas municipais

2 Set 2023

Esta semana deron inicio os traballos do servizo de rozas de camiños e parcelas de titularidade municipal en Cambre. As primeiras actuacións de limpeza realizáronse na parte norte do concello como son a zona dos Caneiros, A Telva, Fontenla, O Toural, Pravio, A Fontenova, A Gándara, Armental, parte de Prado Vello ou zonas de Leiras.

Actualmente os traballos estanse a levar a cabo na zona de O Valado e durante a próxima semana desenvolveranse cara ao sur, concretamente en Cela e Cecebre.

Este contrato estará vixente durante todo o 2023. Con todo, poderá prorrogarse outros catro anos (ata 2027). A disposición deste contrato terá múltiples vantaxes, destacando a execución de dous ciclos de corte ordinario e un selectivo en lugar do único ciclo que se viña facendo ata este ano. Ademais, isto garantirá unha maior axilidade na realización destas tarefas para manter as parcelas e vías municipais en bo estado.

No seu momento, a intención do goberno local era iniciar estes labores no mes de maio, aínda que finalmente tiveron que aprazarse por diferenzas de criterio entre o persoal de Servizos e as áreas de Secretaría e Intervención. Aínda así, para solventar a situación, a brigada municipal foi a encargada de realizar os primeiros traballos de limpeza.

Ao longo do ano prevese a roza de máis de 420 quilómetros de camiños de titularidade municipal con medios mecánicos e doutros 20 de forma manual. En canto ás leiras, limparanse máis de 204 quilómetros con medios mecánicos, máis de 26 quilómetros con medios manuais e, por último, outro 44 quilómetros cadrados de parcelas para eventos.

Tamén che pode interesar