O Concello instará á Xunta a repoñer os postos docentes suprimidos no CEIP Wenceslao Fernández Flórez. Así se acordou, esta mañá, durante o pleno ordinario e por mor da moción presentada polo equipo de goberno. A proposta recibiu o voto favorable de todos os grupos da corporación municipal, a excepción do PP, que se abstivo neste punto.
A moción elevada a pleno recollía, de forma íntegra, as demandas da comunidade educativa. No documento indícase que os recortes educativos promovidos pola Xunta supoñerán, no caso do Wenceslao Fernández Flórez, a supresión de dous postos de traballo durante o curso 2023-2024: un de educación Primaria e outro de especialista en Inglés. A maiores, implicarán o desprazamento doutro profesor por falta de horario.
Esta redución do equipo docente repercutirá no desenvolvemento de boa parte dos programas do colexio como o Plambe, Proxecta, Polos Creativos e o de Bilingüismo. Con este último proxecto, o Wenceslao pasaría a ser centro plurilingüe durante o próximo curso académico. Con todo, como denunciaron desde o colexio, cos recortes “o horario dos especialistas en inglés estaría cuberto coa súa materia de inglés, imposibilitando continuar con todas as seccións bilingües”. Esta situación afectará, ademais, ao equipo directivo do centro no que se refire á súa dedicación como figura coeducativa.
Coa aprobación da moción, o Concello instará á Xunta de Galicia a anular esta medida, esixindo que se manteña, como mínimo, o mesmo número de profesores que no pasado curso escolar.
Votacións
A proposta presentada polo goberno local (Unión x Cambre e PSOE) foi apoiada tanto polo BNG como por Alternativa dos Veciños. O PP, en cambio, abstívose neste punto. O seu voceiro iniciou a súa intervención declarando o compromiso do grupo coa “educación pública de calidade”. Con todo, xustificou o seu voto indicando que a moción non estaba “ben enfocada”. Así mesmo, o partido ofreceuse a intervir como “ponte” entre o xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana, ante esta situación.
O alcalde, Óscar García Patiño lembrou ao voceiro que a moción do goberno local se presentou en prazo e que, por tanto, todos os grupos tiveron tempo suficiente “para enviar as súas achegas e propostas”. García Patiño agradeceu o ofrecemento do PP de intermediar coa Xunta de Galicia, e apuntou que o xefe territorial de Educación “leva tres anos sen responder ás numerosas peticións e demandas que lle trasladamos desde ou Concello en materia de educación”.
Puntos aprobados
Durante o pleno aprobouse, de forma definitiva, a revisión das tarifas de aplicación ao servizo urbano de taxi e as bases para a convocatoria do XV Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Cambre.