O Concello leva a O Temple unha exposición conformada por 600 fotografías antigas do municipio

9 Set 2024

Tras o éxito cultivado no Parque da Igrexa, a exposición fotográfica Un pobo con memoria de seu. Cambre: onte, hoxe e sempre acaba de aterrar no paseo de O Temple. Trátase dunha mostra conformada por cerca de 600 imaxes, algunhas inéditas e outras facilmente recoñecibles ao publicarse xa nos libros Estampas de Cambre. O concelleiro da Axencia de Desenvolvemento Local, Patrimonio e Turismo, Ramón Boga, incide en que a proposta está englobada dentro do programa de recuperación da memoria histórica, co que se busca “completar a nosa historia como pobo”.

A exposición recolle instantáneas capturadas desde o século XIX ata a década de 1980. Nelas, o público poderá recoñecer paisaxes, a veciños e veciñas de Cambre e, á vez, descubrir costumes, tradicións e oficios doutras épocas. Boga apunta, ademais, que os visitantes poderán descubrir “como evolucionaron algunhas contornas, monumentos e construcións ou mesmo ver outras que, a día de hoxe, xa non existen”.

Como parte da colección hai fotografías da Casa do Concello antes dos traballos de ampliación realizados no 1960, aproximadamente, ou da inauguración do local da Xuventude de Cecebre (1922). Un pobo con memoria de seu conta, tamén, cunha foto dunha antiga ponte de Sigrás que non existe na actualidade.

Os paneis están situados no Paseo Marítimo, nas inmediacións da pista deportiva, e son o resultado dun amplo traballo para facer provisión das fotografías, procedentes de doazóns veciñais, e dun labor de documentación por parte do concelleiro.

Tamén che pode interesar