Na súa alegación, o PP de Cambre aducía que as bases “discriminaban” aos alumnos e alumnas da educación concertada. Con todo, como determinou un informe técnico elaborado pola coordinador da área de Educación, o criterio podería aplicarse “soamente naqueles supostos nos que non estea cuberta a ensinanza con centros públicos”. O documento determina que “este non é o caso do noso concello. Na actualidade, estase a producir un descenso nas matriculacións nos centros públicos do termo municipal e, neste curso, pechouse unha aula de educación infantil no CEIP Portofaro e existen prazas vacantes noutros centros”. Ademais, o informe incide en que “non existe no termo municipal ningún centro escolar privado ou privado-concertado”.
Novidades da convocatoria
Nas últimas convocatorias, podían optar a estas axudas as persoas pertencentes a unha unidade familiar cunha renda per cápita anual igual ou inferior a 10.000 euros. Na nova convocatoria, esta subiu ata os 15.000 euros para “que as bolsas de estudo poidan abarcar ao maior número de persoas posible”, explica Gutiérrez.
Outra das novidades é o incremento nas contías para percibir. Estas cantidades soben no caso da compra de material escolar en educación Primaria (pasando dos 50 aos 75 euros) e de material informático en todas as etapas educativas (pasando dos 100 aos 125 euros).
Así mesmo, incorpórase un terceiro cambio con respecto ao anterior curso escolar: poderán beneficiarse desta liña os alumnos/as de educación Especial que estean escolarizados en centros privados e/o concertados. No resto das etapas educativas, mantense como requisito que o estudante estea matriculado nun centro de ensino público. Mantense este requisito porque, actualmente, non hai ningún estudante que tivese que recorrer á educación concertada e/o privada por falta de praza nun dos colexios públicos de Cambre.
A partida para o curso 2022/2023 será de 24.000 euros. Do total, 18.000 irán destinados a financiar gastos derivados da adquisición de material escolar, libros de texto e uniformes escolares ou vestiario destinado á escolarización. A cantidade restante, 6.000 euros, poderase utilizar para gastos pola adquisición de equipamento informático.
Por unha banda, 18.000 euros destinaranse aos seguintes gastos en cada unha das etapas educativas:
- 2º ciclo de educación Infantil –libros de texto, material e uniformes escolares ou vestiario destinado á escolarización-.
- Educación Primaria –uniformes escolares ou vestiario destinado á escolarización-.
- Bacharelato, Formación Profesional e Educación Secundaria de Adultos –libros de texto e material escolar-.
Polo outro, poderán acceder ao apartado de compra de materiais informáticos os alumnos de 3º a 6º de educación Primaria, o alumnado de ESO e o de 3º de Primaria a 4º de ESO no caso da educación Especial. Poderán subvencionarse equipos informáticos como portátiles, computador de mesa ou tablets, rato, impresora e USB. A maiores, no caso dos beneficiarios de Educación Especial, inclúense ademais comunicadores electrónicos, computadores portátiles e tablets con programas específicos para a súa formación.