Cambre busca combater a praga do picudo vermello a base de información. Trátase dun obxectivo que se espera conseguir coa organización de dúas xornadas nas que se falará sobre a afección que a especie está a ter sobre as palmeiras, así como sobre a endoterapia vexetal, un dos tratamentos para atallalo.
A concelleira de Medio Ambiente, Patricia Parcero, sinala que cada vez son máis “os veciños e veciñas que se poñen en contacto co Concello para informar dos problemas que este insecto está a provocar nas súas palmeiras, polo que cremos que a realización destas charlas é esencial para explicarlles as posibles solucións para minimizar o seu impacto”.
Os relatorios estarán dirixidas por persoal experto na materia da empresa Endoterapia Vegetal. Ao longo das mesmas falarase sobre esta técnica e sobre as principais patoloxías que as árbores ornamentais e forestais están a sufrir pola presenza do picudo vermello.
O Concello celebrará dúas charlas. A primeira será o mércores, 13 de decembro, ás 19.00 horas na Casa da Cultura Vila Concepción. A segunda terá lugar ao día seguinte, xoves 14 de decembro, ás 19.00 horas no salón de plenos do Concello.
As xornadas son gratuítas, pero para participar requírese inscrición previa. As persoas interesadas poderán anotarse a través do teléfono 698 177 121 ou no correo electrónico medioambiente@cambre.org.