O Concello organiza un curso de Operacións de fontanería e calefacción dentro do seu Plan Formativo para o Emprego

3 Abr 2024

Como parte do seu Plan formativo para o emprego, o Concello poñerá en marcha un novo curso de Operacións de fontanería e calefacción (climatización doméstica). O programa ofrecerá un total de 558 horas de formación, prácticas en empresas e axudas económicas de asistencia. Ademais, as persoas que conclúan o curso obterán tamén un certificado de profesionalidade N1.

Durante o período de inscrición, terán preferencia as persoas que estean en situación de desemprego e que estean rexistradas na Oficina de Emprego. Poderán optar tamén persoas ocupadas sempre que queden prazas libres. As persoas interesadas non requirirán dunha titulación mínima para anotarse no curso.

Ao longo da iniciativa, o alumnado aprenderá a realizar a instalación de tubaxes preparando, cortando e unindo tubos para a condución de fluídos de auga e desaugadoiros. Así mesmo, ensinaráselles a realizar operacións básicas de colocación e mantemento de aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico.

As sesións levaranse a cabo no mes de maio no Centro Municipal de Formación do Espírito Santo. O horario das sesións será de 8.30 a 14.30 horas. As inscricións poden realizarse a través do teléfono 981 61 31 96 ou do correo electrónico adl@cambre.org.

O curso realízase co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta e do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

 

Tamén che pode interesar