Cambre segue promovendo e impulsando o achegamento á Rede de Bibliotecas Municipais coas súas Sesións INTRO. Trátase dunha iniciativa da que 60 alumnos e alumnas de 5º de primaria do CEIP Wenceslao Fernández Flórez gozaron, esta mañá, cunha visita guiada á Biblioteca Central María Pita. Durante a mesma, os estudantes tiveron ocasión de inspeccionar o espazo, recibindo, así mesmo, unha explicación sobre as prestacións da dependencia.
O programa Sesións INTRO, que leva anos en marcha, convértese para moitas persoas, especialmente para os máis pequenos, no seu primeiro achegamento á Rede de Bibliotecas Municipais. Estas actividades serven, non só para coñecer o espazo, senón tamén as vantaxes e prestacións das bibliotecas, que funcionan como un recurso fundamental de acceso á información e como espazo público de encontro e lecer para os veciños.
Con este tipo de sesións adaptadas, preténdese que os grupos realicen unha exploración compartida das instalacións, fondos, prestacións e seccións das bibliotecas.
A actividade está dirixida, preferentemente, a colectivos, asociacións e grupos escolares, pero calquera particular pode solicitar unha sesión. No caso de visitas guiadas, establécense grupos de, como máximo, 25 persoas. No caso de grupos escolares, recoméndase que o alumnado pertenza ao mesmo ciclo ou nivel educativo e que estea acompañado, en todo momento, polo persoal docente. As persoas interesadas poderán chamar ao teléfono 981 675 109 para máis información ou para solicitar unha sesión.