Con respecto a outros anos habilitáronse espazos públicos na Barcala e O Temple para grelladas.
Os veciños e veciñas poderán facer a súa comunicación previa ata mañá, mércores 22 de xuño.
Coa vista posta na celebración de San Xoán, o Concello acaba de habilitar varios espazos públicos nos que os veciños e veciñas poderán reunirse e realizar grelladas na noite do 23 ao 24 de xuño. Estas áreas estarán situadas na urbanización A Barcala (no aparcamento fronte ao supermercado) e no Temple (na zona de estacionamento do CEIP Portofaro, baixo a ponte da autoestrada e na rúa Francisco Rodríguez). As persoas interesadas terán que facer a correspondente comunicación previa e poderán organizar grelladas nestes puntos. Ata a data, o Concello recibiu xa un centenar de solicitudes veciñais para a realización de fogueiras e sardiñadas en espazos públicos.
O último día para tramitar a solicitude será mañá, mércores 22 de xuño. Esta poderá realizarse no rexistro do Concello de Cambre de 10.00 a 13.00 horas. A maiores, as persoas interesadas poderán encher o documento dispoñible na web municipal e envialo ao correo electrónico speis@cambre.org.
Dispositivo especial
Tanto a Policía Local como o Servizo Municipal de Emerxencias levarán a cabo un dispositivo especial por San Xoán. Neste sentido, reforzaranse as tarefas de control naqueles lugares nos que estean previstas fogatas e/ou grelladas.
Desde o Servizo Municipal de Emerxencias lembran que as persoas responsables das fogueiras deberán limpar un radio de cinco metros ao redor da fogueira. Como norma xeral, estas non deberán superar os 2,5 metros de altura, non poderán estar situadas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos nin tampouco poderán estar nas inmediacións dun local no que se almacenen produtos inflamables. Así mesmo, deberase garantir unha distancia mínima de 15 metros con respecto a contedores, vehículos, vivendas, farois, etc.
Está prohibido o uso de combustibles e acelerantes, así como a queima de pneumáticos, plásticos, escuma de poliuretano e outras substancias que desprendan fume tóxico. Os responsables deberán contar con extintor ou con medios adecuados e terán que atender, ademais, ás esixencias dos servizos de emerxencias e seguridade.
A hora límite para rematar a celebración será ás 3.30 horas. Ao terminar, os responsables deberán asegurarse de que os restos estean totalmente apagados, debendo limpar o espazo autorizado antes de 24 horas. En caso contrario, deberán asumir o custo da limpeza.