Outro dos números máis positivos do documento é o relacionado co período medio de pago. En 2020, o PMP era de 18,93 días, mentres que en 2021 descendeu ata os 14,16 días (en ambos os casos, trátase de números que están moi por baixo do máximo permitido por lei, fixado en 30 días).
O Concello pecha o exercicio de 2021 cun superávit de 3.095.034,05 euros e cunha capacidade de financiamento de 1.704.425,44 euros, cifras que apoian a solvencia financeira do Concello. O superávit medio por habitante é de 125,73 euros e o remanente de tesourería de 9.881.789,05 euros. En 2021 houbo unhas obrigacións recoñecidas de 18.010.466,36 euros e uns dereitos recoñecidos de 19.004.413 euros.
A concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, María Pan Lesta, apunta que estes números “son positivos e deixan entrever o compromiso do goberno local coa estabilidade orzamentaria sen por iso rebaixar as prestacións e servizos á cidadanía”.