O Concello suma unha nova axuda á Asociación Galega co Pobo Saharauí dentro do Plan Estratéxico de Subvencións

30 Dec 2022

Cambre xa ten un Plan Estratéxico de Subvencións (PES) actualizado para o 2023. O Concello deu luz verde á proposta co voto favorable de Unión x Cambre, PSOE e Alternativa dos Veciños e coa abstención do resto de grupos da corporación. Ao longo da súa exposición, a concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, María Pan, sinalou que para o próximo ano “preséntanse importantes retos, especialmente, a nivel social por mor da crise económica actual”. Neste contexto, “criamos necesario adaptar o PES para que se axuste á realidade socioeconómica actual”. Entre as novidades da proposta, a concelleira destacou a suma dunha nova axuda de 4.450 euros dirixida á Asociación Galega co Pobo Saharauí, a subida na liña de emerxencia social, o aumento para axudas do Bonotaxi e o incremento da subvención ao ANPA Fendetestas do CEIP Wenceslao Fernández Flórez.

A axuda á Asociación Galega co Pobo Saharauí é de 4.450 euros. Esta contía servirá para financiar o proxecto Vacacións en Paz, co que varios nenos e nenas procedentes dos campamentos saharauís de Tindouf se trasladan ao municipio para pasar os meses de verán coas familias de Cambre.

O alcalde, Óscar García Patiño, xa sinalara o compromiso do Concello co labor desempeñado por esta entidade. Fíxoo no mes de setembro, cando recibiu ás familias de acollida e aos pequenos e pequenas que pasaron xullo e agosto en Cambre: Kalama, Yunes, Jadiyetu e Alien. Durante a súa estancia, os pequenos e pequenas recibiron asistencia médica, asistiron a clases de lingua española e galego e participaron, ademais, en numerosas alternativas de lecer. A subvención municipal busca garantir o mantemento deste proxecto, contribuíndo a que máis familias do concello poidan sumarse a esta iniciativa solidaria.

A concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, destaca que a subvención “busca, non só axudar a estes nenos e meniñas, senón tamén concienciar á cidadanía e poñer de manifesto a situación que viven no seu lugar de orixe”. A edil incide en que se pretende, ademais, “promover os valores de tolerancia e integración entre a veciñanza, facilitando así a convivencia e a integración de todas as persoas na comunidade”.

Emerxencia social

O Concello incrementa un 33% a liña de emerxencia social. Esta concíbese, novamente, como unha subvención prioritaria. Desta forma, o Concello poderá aumentar o montante (de 240.000 euros) para atender todas as necesidades veciñais. Unha comisión de intervención–servizos sociais reunirase, de forma bimensual, para analizar se é necesario aumentar a consignación da liña. No ámbito social, o Concello subiu ata os 20.000 euros o montante destinado á convocatoria anual de axudas económicas para persoas con diversidade funcional e mobilidade reducida (Bonotaxi).

Outras novidades

Outras das novidades do PES de 2023 é a subida de 2.000 euros que experimenta a liña de subvención do ANPA do Wenceslao Fernández Flórez. Este incremento realízase tendo en conta a previsión de alumnado e as necesidades e transporte para asistir ás actividades extraescolares.

Por último, a partida de axudas do Consolida Cambre increméntase ata os 80.000 euros coa finalidade de contribuír á consolidación de empresas e á xeración do emprego no municipio.

Tamén che pode interesar

“Cambre Escoita”

A Alcaldesa Impulsa a Participación Cidadá con Reunións Semanais Un diálogo aberto para construír un concello máis...

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.