O alcalde e a concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos están a manter reunións con varias compañías de telecomunicacións.
Buscar opcións para despregar a fibra óptica en todo o termo municipal. Ese é o obxectivo que se marcan o alcalde, Óscar García Patiño, e a concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, María Pan Lesta. Ao longo destes días, o rexedor e a edil están a dar pasos para conseguilo, mantendo, para iso, reunións con varias compañías de telecomunicacións. A primeira tivo lugar, a semana pasada, cunha empresa especializada en realizar despregamentos nas zonas rurais e a próxima producirase, esta mesma semana, cun operador que traballa en áreas urbanas. Unha vez conclúa a rolda de encontros, procederase ao estudo de ambas as propostas para analizar a súa viabilidade e valorar a opción de asinar convenios coas mesmas e garantir, desta forma, que internet de alta velocidade chegue ao maior número posible de casas.
Máis aló dos estudos que elaboren estas empresas, o Concello abrirá unha nova canle de comunicación para que os veciños e veciñas poidan informar de calquera deficiencia relacionada con esta cuestión. Unha vez recollidos os datos, o Concello trasladaría esta información á compañía correspondente para coñecer as zonas de maior afección.
García Patiño sinala que o despregamento da fibra “non é unha cuestión que dependa do Concello, senón das propias compañías de telecomunicacións, que realizan estes despregamentos por medio de subvencións do Goberno central”. Con todo, tal e como apunta a concelleira, “os prazos para realizar estes traballos non se cumpren en moitas ocasións, perxudicando aos veciños e veciñas. As compañías adoitan centrarse nas zonas de maior concentración de vivendas, pero é fundamental que a fibra óptica chegue a todo ou termo municipal”.
A pesar de non ser unha cuestión municipal, nos últimos meses, o Concello actuou como intermediario nunha vintena de incidencias coa fibra óptica. Neste sentido, Pan Lesta sinala que “son cada vez máis as persoas que nos fan chegar as súas queixas con respecto ao servizo da internet e, malia que non depende de nós, contactamos coas compañías responsables destes despregamentos para preguntarlles polo estado e pola previsión que teñen para a execución destes traballos”.