O Concello de Cambre acolleu este martes, 21 de abril, unha nova sesión informativa da campaña de compostaxe doméstica impulsada polo Consorcio As Mariñas, na que participaron 60 persoas interesadas nesta iniciativa de autoxestión dos biorresiduos.
Con esta nova edición, o Consorcio segue ampliando a rede de fogares comprometidos coa compostaxe doméstica, unha práctica sostible que permite reducir os residuos orgánicos xerados no fogar e transformalos en abono natural de alta calidade.
Durante a sesión explicáronse os principios básicos da compostaxe e fíxose entrega gratuíta dun kit completo de autocompostaxe, composto por composteiro, aireador, termómetro e peneira.
Ademais, tamén se repartiron embudos reutilizables para facilitar a recollida do aceite doméstico usado, un residuo que non debe depositarse nin polo fregadeiro nin no lixo convencional, xa que contamina a auga e dificulta o funcionamento das depuradoras.
O aceite usado pode depositarse nos contedores laranxas específicos situados en distintos puntos do municipio, favorecendo así a súa correcta reciclaxe e a fabricación de novos produtos como xabóns ou biocombustibles.
As persoas interesadas en sumarse á campaña poden consultar toda a información actualizada na web do Consorcio As Mariñas, así como formalizar a súa inscrición previa para futuras entregas de material.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta por un modelo de xestión máis sostible, próximo e participativo.
