O Fendetestas de Sigrás cobra vida grazas a un filtro de realidade aumentada promovido polo Concello

23 Xan 2023

O escritor Wenceslao Fernández Flórez inspirouse nas Fragas de Cecebre para escribir O bosque animado, unha das súas obras máis famosas. Iso foi no 1943. Practicamente oito décadas despois, o artista ourensán, Mon Devane, utilizou ao Fendetestas, un personaxe desta mesma obra, como protagonista dun mural. A creación, localizada no lugar dos Campóns (Sigrás, Cambre), podería converterse na mellor do mundo no 2022 segundo a plataforma global Street Art Cities. Precisamente, co fin de impulsar esta candidatura, o Concello deu a coñecer, esta mañá, a súa nova ferramenta de realidade aumentada (AR), dispoñible xa en Instagram. Con ela, calquera usuario ou usuaria pode facer que o Fendetestas, caracterizado por Xosé Antonio Touriñán, cobre vida, converténdoo, de forma literal, nun personaxe animado.

Desta forma, os usuarios e usuarias poderán utilizar un código QR que os redirixirá, directamente, a Instagram (e, en concreto, ao filtro Fendetestas). Unha vez aberta esta sección, deberán enfocar a cámara do teléfono ao mural ou mesmo a unha fotografía do mesmo. Nese momento, coma se de maxia tratásese, Xosé Antonio Touriñán comezará a moverse.

O alcalde, Óscar García Patiño, o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, e os deseñadores, animadores e programadores desta tecnoloxía AR, David Saborido e Javier Portomeñe, foron os encargados de explicar como xurdiu esta idea e o funcionamento da ferramenta.

“O mural de Mon Devane foi o mellor do mes de xullo, polo que sabíamos que este ía ser un dos seleccionados para optar a ser tamén o mellor do mundo do 2022. Tendo isto claro, queriamos pór en marcha unha campaña que nos servise para promocionalo e así obter un maior apoio por parte da cidadanía”, explicou o rexedor durante a súa intervención. “Agora temos dúas obras seleccionadas e que poderían acadar este recoñecemento, polo que se esta ferramenta xera interese entre a veciñanza, estudaremos aplicar a tecnoloxía noutros murais do termo municipal”.

Pola súa banda, Saborido e Portomeñe explicaron como chegaron ao resultado final: “tivemos que sacar unha gran cantidade de fotografías do mural desde varios ángulos, a diferentes horas do día e utilizando distintos tipos de configuración da cámara. Despois, seleccionamos aquelas que tiñan unha maior semellanza co mural para tentar ser o máis respectuosos posibles co traballo que fixera Mon Devane”. Os dous animadores utilizaron, en primeiro lugar, un programa de edición fotográfica para facer a edición das instantáneas por capas. A continuación, fixeron a animación realizando tamén as deformacións por puntos. Desta forma, obtiveron unha animación simplificada para Instagram e que se proxecta tras escanear un código QR.

As redes sociais municipais e a páxina web recollerán desde hoxe, luns 23 de xaneiro, toda a información e o código QR para que os usuarios e usuarias poidan probar este novo filtro, dispoñible en Instagram. Tal e como se indicou na presentación desta ferramenta, a previsión é que a xente interactúe co mural utilizando esta ferramenta, moi intuitiva.

 

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.