O goberno elevará ao pleno a creación dunha comisión do PXOM con representantes de todos os grupos da corporación

28 Set 2023

O goberno local exporá crear unha comisión informativa especial do Plan Xeral de Ordenación Municipal con representación de todos os grupos da corporación municipal. Farao no pleno ordinario deste xoves, 28 de setembro. O alcalde, Óscar García Patiño, incide na importancia deste novo órgano, “no que se abordarán os  avances do PXOM, o documento máis importante para o futuro de Cambre”. O rexedor explica que a proposta, exposta polo PP nun pleno, dará continuidade ás reunións que se mantiveron, no mandato anterior, cos grupos da corporación: “nos catro anos anteriores houbo varias reunións e encontros nos que estaba presente tanto a corporación como persoal da empresa redactora do documento”.

O obxectivo desta comisión especial será o estudo, o seguimento e a colaboración na elaboración do Plan Xeral polo equipo redactor do plan. Para conseguilo, o órgano estará composto por cinco representantes de Unión x Cambre (incluído o alcalde, que presidirá a comisión), catro do Partido Popular, tres do PSOE, dous do BNG e un concelleiro de Alternativa dos Veciños.

En canto á adscrición concreta dos membros da corporación que deben formar parte da mesma, esta realizarase mediante escrito do voceiro dirixido ao alcalde ou presentándoo por rexistro municipal. No caso de que a proposta se aprobe en pleno, o escrito terá que presentarse nun prazo máximo de cinco días hábiles contados desde a adopción do acordo.

Tamén che pode interesar