O goberno local valorará limitar a instalación de antenas de telefonía co futuro Plan Xeral de Cambre

16 Xan 2024

O Concello realizará un seguimento das obras que unha empresa de telecomunicacións está a levar a cabo no lugar de Seoane (Anceis) para instalar unha antena de telefonía. Desde o equipo de goberno explican que “a compañía realizou unha comunicación previa para a realización dos traballos tal e como indica a normativa nestes supostos. Así mesmo, pedíuselle ao inspector de obras que fixese un estrito seguimento do avance destas tarefas para comprobar que se axustan á normativa”. Como indican desde o goberno local, “se todo está en regra, desde o Concello non podemos limitar a colocación desta antena”. Con todo, como avanzan, valorarase e analizarase a viabilidade de adoptar un cambio no PXOM de Cambre, aínda en tramitación, para limitar a colocación deste tipo de elementos no futuro.

Desde o goberno local comprenden “as posibles molestias e inquedanzas que este tipo de elementos provocan entre a cidadanía, pero non por iso podemos limitar os dereitos dunha empresa privada para instalar estas antenas”. Desde o equipo de goberno recalcan que se está mantendo un contacto constante coa asociación de veciños, á que xa se informou de que se “levará a cabo un seguimento exhaustivo do desenvolvemento do proxecto para garantir que estas cumpren coas normativas. A maiores, atenderanse, como non podía ser doutro xeito, todos os escritos que presenten os particulares sobre esta instalación por se se deran razóns para cuestionar a comunicación previa”.

Cambio PXOM

Como solución a medio e longo prazo, o goberno local valorará promover unha modificación no Plan Xeral de Ordenación Municipal. A idea será limitar as zonas nas que se poden dispoñer este tipo de elementos, unha medida coa que se busca minimizar as posibles queixas por parte dos veciños e veciñas.

No ano 2019, o goberno local xa impulsara unha modificación das normas subsidiarias similar para restrinxir a presenza de gasolineiras, discotecas e outro tipo de negocios nos núcleos urbanos ou rurais de uso principal residencial. “A idea sería promover un axuste similar, limitando, neste caso, a instalación deste tipo de antenas”.

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.