O goberno priorizará a “calidade” fronte ao prezo no novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar

3 Feb 2025

O goberno local logrou aprobar, no último pleno, os novos pregos do Servizo de Axuda no Fogar. A proposta, que recibiu o apoio de Unión x Cambre, PSOE e Alternativa dos Veciños, e a abstención do PP, do BNG e da concelleira non adscrita, introduce importantes melloras con respecto ao contrato actual. Entre elas, tal e como explicou a concelleira de Servizos Sociais, Landa Díaz, priorizarase máis “a calidade desta prestación” que o prezo por hora.

Os novos pregos do SAF, un dos servizos esenciais municipais de maior peso, teñen unha duración de dous anos, prorrogables por dúas anualidades máis en formato 2+1+1, ascendendo o seu orzamento base a 8.253.175,92 euros, no caso de que se executasen ambas as prórrogas anuais.

Esta nova proposta de contrato, na que o persoal de Servizos Sociais leva traballando desde o 2023, introduce numerosas melloras con respecto ao contrato actual, centrándose en especial en cambiar os criterios de valoración das propostas das empresas. “Nos criterios de valoración actuais primaba máis o prezo, pero no novo contrato vaise puntuar para que prime máis a calidade do servizo que o prezo por hora”, indicou a edil de Servizos Sociais.

Neste sentido, os novos pregos pasan a valorar con 55 puntos a formación, o que supón 30 puntos máis que nos anteriores, con 35 puntos para o plan de formación e outros 20 para un plan de continxencia. Este cambio reflíctese na valoración do prezo, que pasa de contar 55 a 25 puntos. Ademais, mantense a puntuación de 20 para as axudas técnicas.

Outras melloras

“Nos pregos faise unha relación máis detallada das persoas beneficiarias do servizo, os seus dereitos e as súas obrigas”, destacou Díaz, que expuxo varias das melloras centradas en mellorar tanto as condicións das persoas usuarias como do cadro de persoal. Sobre este aspecto, introdúcense un mínimo de dúas formacións ao ano, a elaboración de protocolos de acoso laboral, de intervención e de actuación en situacións de especial dificultade, a realización de recoñecementos médicos ou a dotación de móbiles e de pezas de traballo.

“Quedarán excluídas do servizo todas aquelas tarefas que poñan en perigo a saúde do persoal auxiliar ou que excedan as súas responsabilidades”, destacou a edil de Servizos Sociais, que citou como exemplos “a limpeza xeral dos domicilios, limpeza de cristais, compras fóra da zona de residencia, trámites bancarios, ou amaños na vivenda”. Ademais, especificaranse servizos sanitarios que quedarán excluídos, como “inxectar insulina ou poñer e quitar bolsas de colostomía ou sondas”.

Con respecto ás persoas usuarias, establecerase un mínimo de 72 horas para cancelar un servizo e que non se cobre, ademais dos casos nos que se acuda ao médico. A empresa terá tamén a obrigación de avisar con 48 horas de antelación ao traballador familiar se tivese coñecemento de que non se vai a prestar o servizo no domicilio. No caso de que non se cubra un servizo por unha urxencia de traballador familiar, a empresa terá que cubrir o servizo dentro das franxas horarias axustadas ás necesidades da persoa usuaria.

“Agradecemos os votos a favor e as abstencións para sacar adiante lestes pregos. Criticouse o servizo actual, pero quero lembrar que hoxe non debatemos iso, aquí aprobamos a licitación, e logo a proposta irá a exposición pública, na que se poderán facer alegacións e introducir melloras”, destacou durante a sesión plenaria a alcaldesa, María Pan Lesta, que sinalou á Xunta por delegar competencias nos municipios.

Na mesma liña manifestouse a concelleira de Servizos Sociais, Landa Díaz: “Son competencias que estamos asumindo nos concellos, competencias que deberían ser da Xunta, xa que ou que temos hoxe en día é unha pequena subvención que non axuda a cubrir todas esas necesidades que estas persoas día a día solicítannos non departamento.”

Tamén che pode interesar

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.