O Grupo de Instrumentos Tradicionais de Sementeira Cambre continúa cultivando novos éxitos. O próximo materializarase coa súa participación no concerto de Nadal de Carlos Núñez. O recital terá lugar o 13 de decembro no Teatro Rosalía da Coruña, e a colaboración da agrupación cambresa consistirá na interpretación de varios temas xunto ao gaiteiro e ao resto da súa banda.
Esta non é a primeira vez que Sementeira comparte escenario con Núñez. O colectivo xa tomou parte noutros recitais con Núñez e, nesta ocasión, o concerto servirá para presentar o seu novo traballo discográfico: Celtic Sea.
A actuación con Carlos Núñez súmase á listaxe de triunfos do grupo. Un dos últimos selouse no mes de agosto, cando Sementeira aterrou en Francia para intervir na 52 edición do Festival Intercéltico de Lorient.